Unhas 500 obras e 323 autores integran a colección de técnicas gráficas do Torrente Ballester

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O concelleiro de Cultura do Concello de Ferrol, Manuel-Reyes García Hurtado, deu conta hoxe na comisión informativa da Área da catalogación da colección de técnicas gráficas do Centro Cultural Torrente Ballester (CTB). Estes fondos gráficos son uns dos máis importantes de Galicia e froito de 22 edicións do “Premio Internacional de Gravado Máximo Ramos” así como de adquisicións, doazóns e cesións.

Máis de 500 gravados, pertencentes a 323 autores, permiten facer un percorrido por distintas épocas, técnicas e temáticas a través das obras de artistas locais, galegos, españois e internacionais dende os primeiros anos do século XX ata o ano 2012. Con motivo da última edición do “Premio internacional de Gráfica Máximo Ramos”, cuxo primeiro premio recaeu sobre o portugués Pedro Calapez coa súa obra “Conversation piece”, unha impresión ultrachrome, o Concello de Ferrol materializaba a última adquisición para a súa colección de obra gráfica.

A colección ofrece unha ampla visión da gráfica contemporánea dende as linguaxes máis realistas ata a abstracción e cunha gran variedade técnica. Entre as estampas atópanse augafortes, aguatintas, xilografías, litografías, serigrafías, linogravados, punta seca, xeito negro, impresión dixital, técnicas mixtas, gravados calcográficos, etc. É dicir, dende as técnicas máis tradicionais ata a gráfica máis contemporánea, unha evolución da cal deixa constancia o “Premio Máximo Ramos” coa súa calidade histórica.

Unha importante colección que alberga imaxes relixiosas e mitolóxicas, históricas, vistas de cidades e paisaxes, arquitecturas, ornamentación, tipos diversos, retratos e autorretratos, escenas de xénero, bodegóns, vaidades, abstracción… unha gran variedade de obras que mostra a riqueza desta técnica de expresión artística. Detrás destes gravados atópanse artistas locais como Máximo Ramos; galegos como Manuel Facal; nacionais como Ricardo Baroja Nessi; ou internacionais como Günter Grass. Así, máis dun millar de obras entre pintura, gravado, debuxo e escultura conforman o patrimonio artístico do Concello de Ferrol que se atopan catalogadas e conservadas nos edificios públicos para o goce da cidadanía.

14 de febreiro de 2014 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.