Unhas 200 persoas en risco de exclusión social recibiron formación en diferentes cursos impartidos en Lugo
A Consellería de Traballo e Benestar financiou con preto de 56.000 euros diferentes accións formativas en Lugo que buscan a inclusión social de persoas en risco de exclusión. En concreto, apoiou, a través da orde de axudas de inclusión para entidades, os cursos organizados pola Asociación para o Desenvolvemento Sociocultural, Formación e Emprego (Asfem) e pola Asociación de Familias e Mulleres do Medio Rural (Afammer) nos que participaron máis de 200 persoas.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, entregaron hoxe en Lugo os diplomas aos participantes nestes cursos. Asfem impartiu coa axuda de Benestar tres programas: ‘Xunto Podemos’ para persoas inmigrantes; ‘Adiante’ para a poboación en risco de exclusión social; e diversos itinerarios personalizados de inserción. Pola súa banda, Afammer desenvolveu un programa para a poboación en risco de exclusión social.
Mato destacou que a colaboración da Xunta neste tipo de iniciativas é posible grazas ao esforzo que se está a facer, xa que a inclusión social segue a ser unha prioridade para o Goberno galego.
Así, a titular de Benestar lembrou que en 2013 a orde de inclusión destinada a entidades de iniciativa social reforzouse e ampliouse en preto de 370.000 euros. Así, a esta actuación destináronse 3,25 millóns de euros, un 13 por cento máis que en 2012, o que permitiu apoiar a actividade de 105 entidades de iniciativa social. De cara a 2014 prevese poder apoiar a máis de 100 entidades, segundo avanzou Mato, quen sinalou que esta convocatoria de axudas ten como prioridade a creación de itinerarios sociolaborais, que é un dos obxectivos principais da nova Lei de Inclusión que aprobou o Parlamento de Galicia o pasado mes de novembro.
Para 2014 destinaranse á inclusión social en Galicia 79 millóns de euros, un 13,6 por cento máis que en 2013. Ademais da orde de axudas de inclusión, Mato indicou que a partida destinada á Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) crece ata os 39,7 millóns de euros, un 21,4 por cento máis que en 2013. Así mesmo, destacou que se blindará a contía das Axudas de Emerxencia Social que contarán con 4,5 millóns de euros.
Por último, a titular de Benestar lembrou que o departamento autonómico está a traballar na carteira de servizos de inclusión, un dos catro eixos que conforman o novo e pioneiro modelo de carteiras na área social. “Esta carteira vai regular e definir todos os servizos que prestan os albergues, centros de acollida, comedores sociais, centros de atención social continuada e centros de inclusión social”, sinalou.











