Unhas 1.500 persoas participarán nas comparsas do desfile “Venres de Foliada” de Tomiño
A XVII edición do desfile de Entroido “Venres de Foliada”, reunirá o vindeiro 28 de febreiro en Tomiño, a máis de 1500 compoñentes de máis de vinte comparsas e carrozas participantes.
Trátase dun dos desfiles máis multitudinarios da comarca, con cifras de público que superan as 8000 persoas, coma sucedera o ano pasado.
A concelleira de Cultura, Cristina Martínez, confirmou a asistencia das comparsas más importantes da vila, entre as que se atopan Revolución Show, Estrelas da Noite, Luces de Tomiño e Os Terribles de Tebra, así coma doutras menos numerosas procedentes non so do municipio, senón tamén doutros puntos da comarca e do sur de Galicia (Mos, Vigo, San Xenxo, Soutomaior, Pontevedra, etc.).
A edila indicou que co fin de que o desfile non se alongue moito, coma sucedera anos atrás, a saída será moi puntual (21.30 horas), desde o colexio Pedro Caselles Beltrán.
En caso de chuvia, a actividade trasladaríase ao venres seguinte, 7 de marzo, á mesma hora.
Entroido de Goián
O desfile de Entroido da parroquia de Goián, un dos máis tradicionais da zona, terá lugar o martes 4 de marzo. A comisión organizadora prepara un amplo programa que comezará o domingo 2, co desfile dos nenos e nenas e xogos na praza Pintor Antonio Fernández (16.00 hs.), e rematará o mércores 5 de marzo, co Enterro da Taíña (19.00 hs.). Treboadas e orquestras amenizarán as catro xornadas de festa.
A maior particularidade deste Entroido, que comezou a celebrarse a principios do século XX, é que segue conservando o seu caracter netamente popular. Exemplo diso é que a vintena de carrozas e comparsas participantes so saen pola vila, sen asistir a outros desfiles. Moi característica é tamén a Carreira de Carretillas con condutor e acompañante, celebrada tamén o domingo (18.00 hs.).
Para ter todo a punto, traballan dende hai máis de tres meses preparando as carrozas e os actos complementarios. A comisión conta coa colaboración de voluntarios para a recolección de fondos e produtos alimenticios para elaborar a xa tradicional sopa de cocido que se sirve ao remate do desfile para todos os asistentes.
O recinto de festas estará cuberto cunha gran carpa e os catro días haberá animación a cargo da Treboada “Baixo Miño”.
Programa 2014
Domingo 2 de marzo:
12.00 hs. Desfile dos nenos e nenas.
16.00 hs. Xogos na praza.
18.00 hs. 4ª carreira de carretillas. (Premio á mellor tuneada, mellores disfraces e 1º, 2º e 3º clasificado/a).
22.00 hs. Verbena con Alcázar e Alaska. (Durante a verbena, entrega de premios aos mellores disfraces)
Luns 3 de marzo:
09.00 hs. Percorrido polo pobo cos gaiteiros.
13.00 hs. Gran Tortillada
22.00 hs. Verbena con Aramio e D’Moda.
Martes 4 de marzo:
13.00 hs. Tradicional Cocido
17.00 hs. Gran Desfile de Carrozas. Ao remate do desfile: Sopa para todos.
22.00: Verbena con Marazul.
Mércores 5 de marzo:
19.00 hs. Enterro da Taíña.
Festival Taíña
Como preludio do Entroido goianés, chega a undécima edición do Festival Taíña, que terá lugar o sábado 1 de marzo na praza da Igrexa de Goián.
Este ano os grupos invitados son: “La Troba – Kung-Fu” (rumba e cumbia); “Trapos Sucios” (rock); “d-Rumba2” (rumba enerxética), e “The Skarnivals” (ska, punk e folk).
O espectáculo comezará de forma moi puntual, ás dez e media da noite. Haberá carpa e a entrada será de balde.











