Unha trintena de persoas participan no taller de alimentación en diabetes en Ponte Caldelas
Unha trintena de persoas participou no taller de alimentación en diabetes organizado polo departamento de Servizos Sociais do Concello de Ponte Caldelas e que foi impartido por Vitoria Hierro Illanes, enfermeira educadora do Centro Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI), no Centro Cultural da vila.
O obxectivo deste taller foi mellorar a información e comprensión da enfermidade da diabetes por parte dos propios pacientes, familiares e cidadáns en xeral á vez que se lle proporcionou aos asistentes habilitades e coñecementos necesarios para mellorar a súa calidade de vida no ámbito familiar.
A trintena de persoas participantes neste taller centraron a súa actividade en coñecer e mellorar a alimentación para persoas que padecen diabetes e analizáronse en profundidade as principais recomendacións nutricionais, a pirámide de alimentación, grupos de alimentos, coñecemento e interpretación das etiquetaxes, etc.
Así, o programa formativo do taller de alimentación en diabetes incluíu os seguintes temas: Concepto de alimentación e nutrición, obxectivos da alimentación, recomendacións nutricionais, valor enerxético dos principios inmediatos, pirámide da alimentación, grupo de alimentos, distribución dos hidratos de carbono segundo tratamento farmacolóxico, alimentación equilibrada e ferramentas para conseguila, consellos ante celebracións e viaxes, días de enfermidade, o manexo práctico de pesos e volumes en cru e cocido dos alimentos, o manexo práctico de equivalencias e familiarizarse coas características dos alimentos dietéticos e etiquetaxe.
Os organizadores do taller valoraron moi positivamente tanto a participación como os dotes comunicativos e pedagóxicos mostrados pola relatora do simposio, a enfermeira Vitoria Hierro, que axudaron aos asistentes a coñecer máis en profundidade as particularidades desta enfermidade, así como as medidas precautorias que hai que tomar para favorecer a calidade de vida tanto dos pacientes como da súa contorna familiar, á vez que lles axuda a convivir con este episodio.
Desde Servizos Sociais do Concello de Ponte Caldelas impúlsanse este tipo de actividades non só co fin de informar e divulgar aspectos relacionados con doenzas ou enfermidades que afectan de forma especial ás familias do municipio senón tamén para instruír á contorna familiar nas medidas que deben tomar para facelas máis levadías superando así tamén, situacións de stress persoal individual e colectivo.











