Unha galleta solidaria para loitar contra o cancro infantil

Presentación das galletas solidarias
Con motivo do Día Mundial da loita contra o Cancro Infantil este sábado 15, Aecc Ourense e os pasteleiros trasládanse á rúa do Paseo para vender unha galleta solidaria ao prezo simbólico dun euro, e recadar fondos para doar a esta causa.
Martín Sousa Rodríguez, presidente da Asociación de Pasteleiros de Ourense e Isidora Gómez Segade, presidenta da Asociación contra o Cancro na provincia, presentaron hoxe esta iniciativa en rolda de prensa nas instalacións da CEO.
Pero non só haberá galletas na carpa do Paseo, senón que tamén prepararon unha completa axenda de actividades para entreter a todos os nenos que pasen por alí, acompañados dos seus pais: talleres de globoflexia, de máscaras e maquillaxe, a actuación de TxeMágico pola tarde, ou a visita de caras coñecidas como os actores Carlos Branco e Sergio Pazos.
Son case 3000 galletas elaboradas por gran parte das pastelarías integradas nesta asociación ourensá, e coa súa venda pretenden trasladar á sociedade que hai que loitar continuamente contra este tipo de enfermidades crónicas. Si non se venden todas as galletas o sábado, distribuiranse entre as pastelarías colaboradoras co fin de completar a súa venda e recadar o máximo posible.
Martín Sousa destacou que “as galletas teñen a cara debuxada dun neno que sorrí, nun intento de que este sorriso se transmita a todos os pequenos que sofren esta enfermidade”. Pola súa banda, Isidora Gómez, destacou que non existen datos da incidencia deste cancro a nivel Ourense, xa que non hai oncoloxía pediátrica na provincia. Si que destacou que cada ano en España detéctanse uns 140 casos novos de cancro en nenos por cada millón, cuxa taxa de supervivencia é dun 77%, superior á que se rexistraba hai algúns anos.
Lugar: Rúa do Paseo (entre o Banco de España e o Parque San Lázaro)
Data: Sábado, 15 de febreiro de 2014
Horario: desde as 10 da mañá até as 8 da tarde











