Unha festa de disfraces e obradoiros para os cativos centran o Entroido en San Sadurniño
San Sadurniño preparou para os próximos días unha completa oferta de actividades para celebrar as datas máis irreverentes do ano. O evento principal é a tradicional festa de disfraces que terá lugar o primeiro de marzo na casa da Cultura. Porén, aproveitando que non hai escola, tamén se ofrecen opcións relacionadas con esta festividade nas que se mestura o lecer, a educación e, sobre todo, un servizo do que poden botar man as nais e pais que non teñan con quen deixar os pequenos durante estas minivacacións.
Todas as actividades do Entroido son gratuítas e contan co apoio da asociación Artelladas, que se encarga da animación do programa. Así, para o sábado 1 de marzo entre as 17 e as 20 horas teñen preparada unha festa de disfraces para menores de 18 anos na que haberá obradoiros, xogos e a degustación de doces típicos destas datas como son os freixós, as orellas e as torradas.
O luns 3 e o martes 4 de marzo as actividades trasládanse á mañá por medio de dous obradoiros dirixidos a cativos de entre 4 e 12 anos. O luns entre as 11 e as 12.30h. terán un obradoiro de monicreques no que aprenderán a facer bonecos e marionetas con materiais reciclados. Ao día seguinte e co mesmo horario a proposta céntrase nun obradoiro de cociña infantil arredor das sobremesas do Entroido.
Para participar na festa ou nalgún dos obradoiros -ou en todo- haberá que inscribirse antes na Casa da Cultura, lugar onde se centraliza toda a programación. As actividades do luns e do martes teñen un límite de 15 prazas por día, que se cubrirán por orde de inscrición.











