Unha festa de disfraces e obradoiros infantís centran o Entroido en San Sadurniño
San Sadurniño preparou para os próximos días unha completa oferta de actividades para celebrar as datas máis irreverentes do ano. O evento principal é a tradicional festa de disfraces que terá lugar o primeiro de marzo na casa da Cultura. Porén, aproveitando que non hai escola, tamén se ofrecen opcións relacionadas con esta festividade nas que se mestura o lecer, a educación e, sobre todo, un servizo do que poden botar man as nais e pais que non teñan con quen deixar os pequenos durante estas minivacacións.
Todas as actividades do Entroido son gratuítas e contan co apoio da asociación Artelladas, que se encarga da animación do programa. Así, para o sábado 1 de marzo entre as 17 e as 20 horas teñen preparada unha festa de disfraces para menores de 18 anos na que haberá obradoiros, xogos e a degustación de doces típicos destas datas como son os freixós, as orellas e as torradas.
O luns 3 e o martes 4 de marzo as actividades trasládanse á mañá por medio de dous obradoiros dirixidos a cativos de entre 4 e 12 anos. O luns entre as 11 e as 12.30h. terán un obradoiro de monicreques no que aprenderán a facer bonecos e marionetas con materiais reciclados. Ao día seguinte e co mesmo horario a proposta céntrase nun obradoiro de cociña infantil arredor das sobremesas do Entroido.
Para participar na festa ou nalgún dos obradoiros -ou en todo- haberá que inscribirse antes na Casa da Cultura, lugar onde se centraliza toda a programación. As actividades do luns e do martes teñen un límite de 15 prazas por día, que se cubrirán por orde de inscrición.
Concerto de Entroido na sala DZINE
Por outra banda, a sala DZINE ten preparada para a noite deste sábado unha festa de Entroido coa actuación de Los Tigres del Cañotas. Unha banda formada por músicos da comarca cun estilo que se podería cualificar como humor musical ou música humorística. O seu repertorio compóñeno pezas de autoría propia nas que lle dán un repaso a todo e no que todo sae triturado: o sexo, a adolescencia freak, o Felipop, nin sequera a Garda Civil se salva da súa poesía picante.
Los Tigres… volven a DZINE, un lugar no que tocan coma se estivesen na casa e que, para a noite deste sábado puxo un prezo de entrada de 3 euros. Iso si, quen se presente cun disfraz entrará gratis. O concerto comezará ás 23.00h.
Venres 7 de marzo, baile de máscaras en Naraío
A Asociación de Veciños O Castelo organiza para o venres 7 de marzo o seu Entroido. Terá dúas partes, unha a partir das 18.00h. para os máis pequenos con música e xogos cooperativos a cargo da empresa Bolboreta Animación, e outra a partir das 22.30h. para adultos coa música do dúo Pereira e Felo. Na sesión da noite haberá premios para o mellor disfraz individual, para a mellor parella e para a mellor indumentaria de grupos.











