Unha explotación ovina de Oia aposta pola incorporación de mozos á actividade agraria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOiaPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita á explotación de Oia

Cores Tourís na visita á explotación de Oia

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá unha explotación de gando ovino en Oia co obxectivo de coñecer a súa actividade, dado que foi unha das beneficiadas polas últimas axudas aprobadas pola Consellería de Medio Rural e do Mar de cara á incorporación de mozos á actividade agraria.

Na visita estivo acompañado polo alcalde da localidade, Alejandro Rodríguez, así como polo xefe territorial de Medio Rural e do Mar, Miguel Dubois.

Cores Tourís puido coñecer a explotación de Begoña González Amado, que se atopa no lugar de Torroña cunha superficie foraxeira de 3,67 hectáreas. Tal e como explicou a empresaria a Cores Tourís, o obxectivo da subvención que recibiu por parte de Medio Rural e do Mar e que ascendeu a 20.000 euros foi a compra de 45 ovellas e un remolque agrícola. “Con estes novos animais, o rabaño chega ás 150 ovellas nais”, explicou a propietaria.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, puxo esta explotación como exemplo dos novos emprendedores que apostan polo medio rural. Recordou que as subvencións as que se acolleu esta firma gandeira teñen por obxectivo “fomentar a modernización e ampliación das instalacións agrogandeiras de Pontevedra e impulsar a incorporación de mozos ao medio rural”

A Consellería do Medio Rural e do Mar vén de facer público hoxe a través do Diario Oficial de Galicia a distribución de axudas por valor de máis de case 2,9 millóns de euros (2.850.000 euros) na provincia de Pontevedra para levar a cabo plans de mellora de explotacións agrarias e á incorporación de mozos á actividade agraria.

Así o destacou hoxe Cores Tourís, que indicou que con estas achegas “actúase de xeito importante na modernización das instalacións do sector agrícola”, promovendo deste xeito “o desenvolvemento da actividade económica no rural da provincia”.

Deste modo, dentro das axudas para a modernización das explotacións agrarias na provincia pontevedresa benefícianse 41 explotacións cunha achega total que ronda os 2 millóns de euros.

Por outra banda, no tocante ás axudas para a incorporación de mozos á actividade agraria, as subvencións supoñen un investimento por parte da Administración autonómica de 850.000 euros, que se distribúen entre 39 mozos incorporados ao sector.

O delegado fixo fincapé “no importante esforzo e no compromiso do Executivo galego para promover a modernización do sector tanto no ámbito persoal como no referente a instalacións e loxística”.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra fixo tamén referencia ás novas axudas nestes eidos que acaba de facer pública a Consellería a través do DOG tanto para a modernización das explotacións agracias como para o fomento da utilización de maquinaria en réxime asociativo. “Animamos a todos os empresarios do agro e tamén aos novos emprendedores que aposten por este sector a que se animen a solicitar estas axudas”, rematou Cores Tourís.

Danos temporal

José Manuel Cores Tourís aproveitou a visita a Oia para comprobar, xunto ao xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de Pontevedra, José Luis Díez, o remate das obras da subida de Mougás a Toroña.

Esta foi un dos puntos máis afectados polos temporais, en concreto, polos que tiveron lugar a comezos de xaneiro. A forza da auga provocou que se perdera parte do firme interior da estrada o que causou danos que xeran inseguridade na estabilidade da mesma.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra mostrou a súa satisfacción pola rapidez coa que se executou esta obra, “atallándose durante unha época moi complexa que encadenou un temporal tras outro”. Os traballos permitiron executar un muro de contención e recuperar o trazado da vía, “de xeito que se garanta a seguridade viaria neste punto”, rematou Cores Tourís.

17 de febreiro de 2014 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.