Un treito da estrada PO-532 transfírese a prol do Concello de Ponte Caldelas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPonte Caldelas
A-
A+

O Consello da Xunta aprobou na súa reunión de hoxe o cambio de titularidade da estrada PO-532 “Pontevedra (N-531) – Ponte Caldelas (PO-255), a prol do Concello de Ponte Caldelas.

A Administración local solicitou a transferencia de titularidade dun tramo antigo da estrada PO-532, tramo illado xerado polas actuacións de mellora desa vía, correspondente á travesía antiga de Tourón que está urbanizada e acondicionada cunha lonxitude de 400 metros e que ten o seu inicio no p.q.11+300 e o seu remate no p.q.11+770.

Ao abeiro das previsións legais, a Área de Planificación e Programación, dependente da  Axencia Galega de Infraestruturas, emite informe favorable sobre o cambio de titularidade deste treito.

A súa entrega formalizarase, no prazo de dous meses tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), e o Concello de Ponte Caldelas converterase no responsable de todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía; así como do exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra.

Cambio de titularidade das estradas de Galicia

Os cambios de titularidade das estradas están regulados pola Lei de estradas de Galicia e deben ser aprobados por un decreto de Xunta, por proposta da consellería competente en materia de estradas. A Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) é a encargada de avaliar o cambio de titularidade.

Ademais, o artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, alega que as entidades locais, dentro das súas competencias, aprobarán a relación de estradas da súa titularidade.

Cumprindo o exposto, o treito da PO-532 deberá incorporarse ao Plan de estradas do Concello de Ponte Caldelas.

13 de febreiro de 2014 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.