Un total de 85 persoas participarán en varios cursos de inclusión social no Carballiño
A Consellería de Traballo e Benestar destinou preto de 25.000 euros en 2013 para o desenvolvemento de cursos de inclusión social para a comunidade xitana e poboación inmigrante. A directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, entregou hoxe os diplomas aos 85 participantes destas iniciativas.
Segundo indicou a directora, o programa de inmigrantes, do que se beneficiaron 60 persoas, inclúe actividades como asesoramento técnico especializado ás persoas inmigrantes; reforzo educativo para o alumnado inmigrante en Galicia; aprendizaxe das linguas da sociedade de acollida para adultos; intervención social realizada a través de itinerarios de inclusión socio-laboral personalizados. Tamén se realizaron accións formativas para desempeño dun posto de traballo, de introdución á sociedade de acollida, de alfabetización dixital, no contorno laboral tales como prácticas en empresas, adquisición de competencias clave, obtención de títulos e certificados de profesionalidade, creación de emprego autónomo.
En canto ao programa da comunidade, permitiu o desenvolvemento de nove itinerarios de inserción, un curso de alfabetización dixital, alfabetización básica, reforzo educativo para menores, e unhas xornadas de charlas dirixidas a esta poboación, nas que participaron 50 persoas.
A orde que establece as subvencións a programas desenvolvidos polas corporacións locais para a inclusión social da poboación xitana, inmigrantes e outras persoas en risco de exclusión contou no ano 2013 cun orzamento de 1,3 millóns de euros para toda Galicia, un 36,4% máis que en 2012.
Como novidade, o pasado ano incluíuse por primeira vez os programas para a inclusión social de persoas beneficiarias da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) e tamén se subvencionou a realización de itinerarios personalizados e formación en habilidades básicas e outra formación pre-laboral e ocupacional axeitada ás necesidades destas persoas.
Esta iniciativa inclúese no compromiso da Xunta cos máis necesitados. A nova Lei de Inclusión de Galicia busca potenciar a inserción laboral do colectivo con risco de exclusión para evitar que estas situacións se cronifiquen no tempo.
Este compromiso plasmouse tamén nos orzamentos deste ano 2014, nos que as partidas globais de inclusión social ascenden a 59,2 millóns de euros, isto é, un 13,6% máis que nos orzamentos do 2013.
Así mesmo, o departamento autonómico segue ampliando ano tras ano o orzamento da RISGA, á que se destinará este ano unha partida inicial de 39,7 millóns de euros, un 21,4% máis que en 2013, co fin de dar resposta ás persoas que máis o precisen.











