Un total de 33 rapaces dun colexio francés visitan Lousame nun intercambio co CPI Cernadas de Castro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

Un total de 33 rapaces e rapazas dun colexio de Masseube, unha pequena poboación situada no sur de Francia, están visitando Lousame a través dun programa de intercambio co CPI Cernadas de Castro. Durante a mañá de onte luns, a expedición fixo un pequeno percorrido por Lousame, que quedou un pouco deslucido pola choiva. Tras unha interesante visita ás minas de San Finx e despois de xantar no local social de Cabanetan, foron recibidos pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, no salón de plenos municipal.

Hoxe a expedición francesa está a ter máis sorte co tempo, coincidindo coa súa visita ás praias da ría de Muros-Noia. Durante esta xornada, os rapaces e rapazas de Masseube, de idades entre os 14 e os 15 anos, visitaron Muros, Noia e Porto do Son, con especiais paradas no Castro de Baroña e en Louro. Mañá mércores está prevista unha viaxe guiada a Santiago e para o xoves está programada unha saída á cidade da Coruña, onde visitarán varios museos. A expedición emprenderá a volta a Francia o venres, logo dunha xornada de intercambio educativo no CPI Cernadas de Castro de Lousame.

18 de febreiro de 2014 | 20:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.