Un total de 31 profesionais participan nun curso de formación sobre acollemento familiar en Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Amparo González na inauguración do curso. Foto: A. Varela

Amparo González na inauguración do curso. Foto: A. Varela

A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Familia e Inclusión, e Cruz Vermella de Galicia están a organizar un curso de formación dirixido a profesionais sobre acollemento familiar. En concreto, a acción formativa está destinada tanto a traballadores de Cruz Vermella como aos do departamento de Menores da Xunta de Galicia e céntrase en acollemento de nenos e nenas en familia allea.

A directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, inaugurou hoxe o curso que se está a celebrar en Santiago e que conta coa participación dun total de 31 profesionais. A acción formativa realízase en dúas xornadas, rematando o próximo martes 18 de febreiro.

Segundo explicou a responsable da área autonómica, o curso está a dotar aos profesionais da formación necesaria para actualizar os seus coñecementos e prácticas relacionadas co acollemento familiar. Así mesmo, destacou a importancia da iniciativa, xa que ao estar dirixido a traballadores de Cruz Vermella e do departamento de Menores da Administración permite poñer en común e debater sobre os criterios e as formas de xestión nese eido.

Mediante o acollemento familiar, unha persoa ou unha parella atende no seu fogar a un neno, nena ou adolescente que temporalmente non pode residir coa súa propia familia. Sempre que é posible, procúrase que esta familia alternativa sexa a formada por outros parentes do neno ou nena, como tíos ou avós. É a chamada familia extensa. Se esta opción non é viable, ou non é recomendable para o neno, búscase unha familia allea que poida atender as súas necesidades básicas.

A Xunta desenvolve esta iniciativa a través da colaboración con Cruz Vermella de Galicia, seleccionándose á familia que mellor se axusta ás circunstancias do neno, ao tempo que se lle presta asesoramento constante por parte de psicólogos e traballadores sociais, así como formación especializada.

O acollemento non é unha forma de adopción, xa que sempre é temporal e non rompe os vínculos do neno ou nena coa súa familia de orixe; ao contrario, a familia acolledora debe colaborar para que se manteñan e se fortalezan as relacións do neno co seu núcleo familiar, favorecendo así o regreso ao seu fogar.

11 de febreiro de 2014 | 13:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.