Un partido tolo do Azkar Lugo ante o Guardo FS
Alternancias no marcador e un partido bastante aloucado foron as constantes do choque que o equipo filial disputou o pasado sábado ante o Guardo FS e que acabou con vitoria visitante (6-9). Ningún equipo apropiouse do partido, os ataques impuxéronse claramente ás defensas e o partido foi bonito para o espectador pero que quizais deixou descontento a ambos técnicos que viron como os erros propiciaban os goles duns e outros.O inicio do Azkar Lugo B foi mellor e tras poñerse por diante as ocasións sucedéronse para ampliar a vantaxe, pero o certo é que quen lle daba a volta ao marcador era o Guardo antes do descanso. Pero os lucenses, enrabietados tras encaixar ese segundo tanto tras un erro, empataban o choque a escasos segundos do descanso (2-2).
Tralo intermedio chegou a tolemia de goles. Ata en dúas ocasións poñíanse por diante os palentinos (2-3 e 3-4) pero o filial lucense tirando de casta e esquecendo por momentos a orde, dáballe a volta merecidamente ao choque e facíao tamén en dobre ocasión (5-4 e 6-5). Nese momento parecía que os lucenses querían controlar a situación, querían cambiar o rumbo do partido, pero os visitantes aproveitaron os erros locais para primeiro empatar e logo poñerse por diante co 6-7 a falta de pouco máis de cinco minutos para a conclusión. Entón o Azkar Lugo B xogoulla con porteiro-xogador e aos poucos segundos de comezar coa superioridade un erro significaba o 6-8. Os galegos buscaban ese gol que lles metese de novo no partido, pero os seus intentos acababan sempre sen premio. Xa no último minuto o meta dos visitantes poñía a sentenza co 6-9 definitivo.
Ficha técnica:
Azkar Lugo B 6: Mujín, Manu, Cabanas, Diego e Javi Río, -cinco inicial-, Cancio, Miguel, Cristian, Porto e Illi.
HL Rueda Guardo FS 9: Víctor, Jose Alberto, Jonathan, Héctor e Rubén Gonzalo, -cinco inicial-, Gil, Rubén e Abraham.
Árbitros: Arenas Parra e Granda Campos (comité asturiano). Amonestaron con tarxeta amarela a Manu, Javi Río, Cabanas, Cristian e Cancio (Azkar B) e a Héctor (Guardo). Incidencias: 17ª xornada de liga no grupo I da 2ª división B. Centro Deportivo Terra.
Goles: 1-0 min. 5 Diego, 1-1 min. 7 Rubén, 1-2 min. 18 Héctor, 2-2 min. 20 Miguel, 2-3 min. 21 Gil, 3-3 min. 25 Miguel, 3-4 min. 27 Jose Alberto, 4-4 min. 29 Javi Río, 5-4 min. 30 Javi Río, 5-5 min. 32 Gil, 6-5 min. 33 Manu, 6-6 min. 34 Rubén, 6-7 min. 36 Héctor, 6-8 min. 36 Gil e 6-9 min. 40 Víctor.
O Azkar Lugo B xoga este próximo fin de semana na pista do Pizarras Los Tres Cuñados.











