Un obradoiro e a actuación dun contacontos achegan o Entroido os máis cativos de Monforte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

A concellería de Educación e Cultura, dirixida por Pilar López, vén organizando na Biblioteca Municipal unha serie de actividades destinadas ós rapaces e rapazas. Baixo o epígrafe “Déixame que che conte” e entre os meses de outubro e abril, estanse desenvolvendo diversos obradoiros e conta contos para nenos e nenas.

O próximo protagonista desta actividade será o Entroido. Esta celebración tradicional será o eixo da actuación dun conta contos e a realización dun obradoiro de caracterización, actividades que se levarán a cabo o luns día 3 de marzo ás 11:30 horas na Biblioteca Municipal. Os rapaces e rapazas que desexen participar só teñen que achegarse pola Biblioteca Municipal un pouco antes do horario sinalado para o comezo da actividade.

A delegación de Educación e Cultura facilitou toda a información sobre estas actividades ós centros educativos.

Lembramos que a primeira destas actividades realizouse o día 24 de outubro “Día das Bibliotecas”,  xornada na que actuou un conta contos. Tamén no mes de outubro, xusto antes da celebración do Samaín, houbo conta contos e un obradoiro de decoración de cabazas. O  23 de decembro actuou un conta contos e desenvolveuse un obradoiro de Nadal. Todas estas actividades rexistraron unha gran participación de rapaces e rapazas.

Nos próximos meses volverán realizarse actividades relacionadas coas celebracións tradicionais ou as festas locais de cada época do ano. O día 15 de abril “Día do neno e a nena”, será tempo para un obradoiro Medieval, dada a proximidade da Feira Medieval de Monforte, e o 23 de abril “Día do Libro”, os pequenos e pequenas poderán asistir a unha sesión titulada “Contos e Lendas dun Trasno”.

As actividades están organizadas polo concello de Monforte e contan co patrocinio da Área de Cultura da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo. Imaxinatia, unha empresa monfortina de recente creación, é a encargada de dirixilas.

Tódalas actividades levaranse a cabo na Biblioteca Municipal, ás seis da tarde os días lectivos e ás once e media da mañá os días nos que os rapaces e rapazas están de vacacións ou teñen festa.

26 de febreiro de 2014 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.