Un minuto afasta aos laranxas da Copa do Rei

Un instante do encontro
Os laranxas despedíronse hoxe da Copa de Rei ao caer en Vista Alegre ante os Ríos Renovables (2-3). Despois de marcharse ao descanso con 1-0, o Burela FS Pescados Rubén viu como se desvanecía a súa vantaxe en tan só un minuto, o 28, no que os visitantes conseguiron perforar a meta mariñá por partida dobre.
A escuadra de Juanlu enfrontouse ao partido con garra e ganas de gol desde o asubío inicial, tentando a rede dun Molina que se erixiu no gran salvador durante a primeira parte, e ofrecendo unha férrea defensa. Xa no primeiro minuto Mimi avisaba, a pase de Antoñito, cun disparo que se ía ás mans de porteiro navarro. Burrito e Christian dispuñan doutras dúas boas ocasións antes de completarse o minuto 5 de xogo. Iago Míguez tamén tivo nas súas zapatillas dous disparos de gol que se lle foron demasiago lonxe (minutos 8 e 12) e Christian, con Mimi, volvía chocar con Molina. O porteiro burelista, Álex, estivo correctísimo nunha das mellores oportunidades do rival, no minuto 17 de Charlie. O asedio galego recolleu o seu merecido froito no 19, cun disparo cruzado de Mata que introduciu precisamente Charlie de cabeza en propia porta. Con 1-0, nos últimos segundos antes do descanso, o 10 laranxa estivo a piques de sorprender a Molina de lonxe cun potente lanzamento.
Volveu ben á pista o Burela FS, cunha boa chegada de Burrito e Mata xa no minuto 22; Antoñito pouco despois fallou un man a man co gardameta da Ribeira. Imprimiu velocidade os Ríos para reaccionar, pero aí estaba Álex, para frear a Rubi (minuto 25); Christian tamén estivo moi oportuno no despexe, roldando o minuto 28. O perseguido empate dos navarros chegou en contraataque culminado por Joselito segundos máis tardes. Inmediatamente, unha falta de entendemento entre Álex e Christian na defensa desencadeou no 1-2, de Luisma. Aproximándose o ecuador da segunda parte, Molina volveu bloquear o ataque laranxa e reapareceu cos pés para frear un potente disparo afastado de Matamoros no minuto 30; antes Charlie a punto estivo de sorprender á meta burelista con balón que chocou coa escuadra.
Non se frearon os laranxas, que seguiron á caza de Molina. Mata asistiu a Antoñito nun disparo que se marchou desviado, no minuto 34, e Isi, só ante a rede visitante, non puido controlar o pase de Iago Míguez, no 35. Andresito, polos navarros, tentou ampliar en distancias no 36 cun dispazo cruzado que se foi polo fondo.
Mata se enfudó na elástica azul para abanderar o xogo de cinco, faltando tres minutos. Burrito tivo nas súas zapatillas o empate, cun balón alto que Molina rozou cos dedos; volveu o malagueño á carga, pero topouse co corpo de Charlie. O pichichi burelista tentouno, pero foise demasiado alto. A porta baleira e a falta de 24 segundos, os Ríos colocou o 1-3. Sobre a bucina, Mata conseguiu perforar a portaría visitante (2-3).
Outros resultados. Ríos Renovables medirase en semifinais a ElPozoMurcia, que se impuxo ao Azkar Lugo FS (1-5). Do duelo de mañá entre FC Barcelona e Manacor FS sairá o rival do Umacón Zaragoza, que venceu hoxe ao Montesinos Jumilla (5-3).
Ficha técnica
Burela FS Pescados Rubén: Álex, Mimi, Burrito, Matamoros, Antoñito, cinco inicial; tamén xogaron Christian, Iago Míguez, Isi, Juanma
Ríos Renovables FS: Molina, Lolo, Rubi, Andresito, Charlie, cinco inicial; tamén xogaron Palmas, Luisma, Juni, Joselito, Álex
Goles: 1-0, minuto 19, Charlie (p.p.); 1-1, minuto 28, Joselito; 1-2, minuto 28, Luisma, 1-3, minuto 39, Rubi; 2-3, minuto 39, Matamoros
Árbitros: Galo Suárez // Velasco Martínez (Asturias)
Cartóns: Por Burela FS amarela a Mimi (minuto 15). Por Ríos amarela a Charlie (minuto 16), Joselito (minuto 17), Palmas (minuto 36)
Incidencias: Partido correspondente a cuartos de final da Copa do Rei (Vista Alegre), que contou coa presenza do seleccionador nacional, José Venancio López Hierro. Ao redor de 700 espectadores nas bancadas











