Un grupo de xóvenes causa estragos no Campus Sur da USC e obriga a desaloxar a facultade de Químicas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
E.P.

Un grupo de mozos causou na mañá do xoves diversos estragos polo Campus Sur da Universidade de Santiago de Compostela (USC), chegando a obrigar ao desaloxo á Facultade de Químicas, segundo confirmou o reitor compostelano, Juan Casares Long. Estes feitos rexistráronse con anterioridade á celebración da manifestación contra a Lomce en Compostela, na que tamén se rexistraron altercados.

En concreto, sobre as 11.20 horas, o servizo de Bombeiros recibiu o aviso para intervir no citado edificio, onde un grupo de novos entrara e activou as alarmas de incendio. Segundo explicaron, isto provocou a saída da auga de extinción, e parte filtrouse nunha zona na que había produtos químicos que podían reaccionar de forma violenta ou explosiva.

Esta situación obrigou a desaloxar o edificio por precaución, aínda que finalmente non houbo que lamentar máis danos, segundo engaden as mesmas fontes.

Ao respecto destes incidentes, Casares Long criticou que se trata “dunha minoría violenta” que “cree que pode destruír” os bens “que son de todos”. “Afortunadamente non pasou nada, pero moitos produtos químicos son reactivos e poderían causar un grave accidente”, advertiu.

O reitor compostelano recordou que non se está a falar “de xente menor de idade”, senón de “adultos”, e advertiu de que “non chega con esixir dereitos para un”, senón que tamén “hai que respectar os dereitos dos demais”. “Non é de recibo que unha universidade pública teña que sufrir as consecuencias dunha xente que non é capaz de ver ou sentir a universidade deles”, lamentou.

Neste sentido, criticou que solo “unha mente complexa” podería “sentirse ben despois de facer eses danos”, que obrigasen a gastar recursos en reparacións “absolutamente innecesarios”.

Finalmente, insistiu en que isto “non ten que ver coa liberdade de expresión e de folga”, que el é “o primeiro” en respectar, e que non lle cabe “dúbida” que denunciarán aos culpables, en caso de podelos identificar.

21 de febreiro de 2014 | 10:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.