Un grupo de técnicos de Portugal e Brasil interésanse polo potencial turístico do Concello de Cambados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambados
A-
A+

O alcalde, Luis Aragunde, mantivo unha xuntanza de traballo con técnicos da Asociación de Municipios do Vinho de Portugal, encabezados por José Arruda, e coa Secretaria de Turismo e Cultura de Garibaldi (Sul de Brasil), Ivane M.R. Favero, interesados en coñecer a experiencia e mailo potencial turístico de Cambados.

Tanto o alcalde como os técnicos foráneos aproveitaron esta reunión para intercambiar experiencias sobre proxectos de ámbito internacional que relacionan o enoturismo, a cultura do viño, o turismo cultural e as gastronomías locais, no caso de Cambados baseada nos produtos do mar e do agro.

O que máis chama a atención dos expertos lusos e brasileiros é a fórmula de promocionar o enoturismo misturándoo coa calidade da gastronomía derivada dos produtos do mar e da horta. A este binomio engádese a capacidade de atracción do Conxunto Histórico que pecha o círculo máxico da oferta do turismo cultural cambadés.

Os técnicos lusos e do Brasil consideran moi positiva a iniciativa cambadesa de organizar eventos ó longo de todo o ano, promocionando o enoturismo, as visitas culturais, así como os produtos do mar e da horta mediante xornadas técnicas, showcookings e feiras sectoriais.

Proxectos europeos

O rexedor cambadés e os técnicos portugueses falaron de incidir na presentación conxunta de municipios galegos e lusos á convocatoria de proxectos europeos que poden aportar subvencións da UE para potenciar o sector turístico.

O alcalde explicoulle de palabra, pero tamén coa visualización de reportaxes, que a economía local segue xirando en gran medida en torno ao sector primario: pesca e agricultura. Tamén lles comentou que a Festa do Albariño tense convertido nas últimas décadas na máis importante de España dedicada a un viño, ademais de sela principal dinamizadora do sector vitivinícola da denominación de orixe Rías Baixas.

10 de febreiro de 2014 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.