Un acordo facilitará os adestramentos dos deportistas de alto nivel na piscina olímpica do Complexo Deportivo Rías do Sur

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e o presidente da Fundación Naútico-Deportiva Rías do Sur, José Ramón Meiriño, asinaron hoxe unha addenda ao convenio de colaboración existente entre ambas as entidades desde 2006.

Grazas a este novo acordo, os deportistas galegos de alto nivel nas modalidades de natación e triatlón vinculados ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), de titularidade autonómica, poderán utilizar as instalacións do Complexo Deportivo Rías do Sur nun horario máis amplo do actual e ordenado por grupos: alto rendemento de triatlón, alto rendemento de natación e tecnificación de natación. Lete Lasa mostrou a súa satisfacción, xa que o novo acordo “favorecerá as sesións de adestramento dos nosos mellores nadadores e triatletas” na piscina olímpica que alberga o recinto.

Ao igual que no convenio orixinal, as rúas de 50 metros da lámina de auga reservadas ao CGTD poderán ser utilizadas por outros nadadores de análogo nivel deportivo (deportistas con marcas mínimas de campionato de España absoluto) e ata un máximo de catro nadadores, autorizados pola Fundación. No caso de que as rúas non estean sendo utilizadas polo CGTD no horario establecido, o seu uso corresponderá á fundación, titular do complexo.

Así mesmo, a Secretaría Xeral para o Deporte disporá da piscina olímpica durante unha xornada ao ano para realizar as actividades que considere (deporte escolar, competición oficial, realización de probas de máximo nivel, etc.) e a Fundación Naútico-Deportiva Rías do Sur colaborará na organización deste evento.

Baixo o convenio asinado en 2006, a Xunta de Galicia achegou 200.000 euros ao financiamento do complexo, deseñado para albergar grandes eventos deportivos de auga, como o Campionato de España de Natación Infantil-Junior de Inverno, que terá lugar desde mañá xoves ata o domingo. Así mesmo, establecíanse unhas condicións de uso para os nadadores e triatletas do CTAG que a nova addenda mellora e que permanecerán vixentes ata maio de 2016, dez anos despois da posta en funcionamento das instalacións.

26 de febreiro de 2014 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.