Últimos días para inscribirse no concurso de comparsas de Entroido en Nigrán
O Concello de Nigrán lembra que o prazo de inscrición para o concurso de comparsas do Entroido 2014, que terá lugar o sábado 1 de marzo na Avda. Praia América, a partir das 17.00 horas finaliza este venres, 21 de febreiro ás 14.00 horas. Así mesmo, informa que poderán participar no concurso todas as comparsas que conten entre os seus integrantes cun mínimo de quince membros adultos, aínda que para poder optar aos premios deberán inscribirse previamente no Rexistro municipal.
As persoas interesadas en participar poderán formalizar as inscricións até o próximo 21 de febreiro incluído, en horario de 10.00 a 14.00 horas, presentando no Rexistro municipal todos os formularios correctamente cumprimentados, que poderán recoller no Departamento de Cultura ou descargar da páxina web municipal.
O concello repartirá 2.850 euros en premios entre o nove mellores comparsas participantes. Neste sentido, lémbrase que aquelas comparsas que non estean inscritas pero desexen participar, poderán facelo pero non terán opción a premio. Así mesmo, concederase a aquelas comparsas pertencentes a asociacións culturais e ou veciñais inscritas no rexistro municipal de asociacións unha dotación adicional de 300 euros por colectivo.
Obradoiros infantís en Ramallosa
Así mesmo, lembra que hoxe comezan os obradoiros infantís para preparar o enterro da sardiña, que pechará o mércores 5 de marzo a programación do Entroido 2014. Os obradoiros terán lugar no Centro Comercial da Ramallosa a partir das 17.00 horas.











