Últimos días para inscribirse na maratón fotográfica deVilagarcía con motivo do Día Internacional da Muller
As persoas interesadas en participar na Maratón Fotográfica pola Igualdade de Xénero no Mundo do Traballo dispoñen de prazo ata o venres, 28 de febreiro para inscribirse na actividade que se celebrará o sábado, 8 de marzo, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Muller. Os participantes só poden ser afeccionados, non profesionais da fotografía. A inscrición pode realizarse persoalmente na Área de Igualdade, nos baixos da Casa Consistorial, por correo electrónico (muller@vilagarcia.es) ou mesmo a través do fax (986 512 226). Tanto as bases como o formulario de inscrición poden ser consultados e baixados nesta mesma web.
A Área de Igualdade a través do Centro de Información á Muller convocou a sexta edición da Maratón Fotográfica no marco dos actos conmemorativos do 8M. O obxecto da competición fotográfica é reflectir a igualdade de xénero no eido laboral. Para iso, os participantes terán que presentar as súas propostas con relación a tres temas que as técnicas da Área de Igualdade lles darán a coñecer o mesmo día 8 de marzo e nos sucesivos controis. Con todo o material, o Concello organizará unha exposición na que tamén se darán a coñecer os traballos gañadores. Haberá tres premios, un por cada un dos temas propostos, dotado cada un deles con 200 euros.











