Últimos días para formalizar as inscricións no Mercado Local Xusto de San Sadurniño
San Sadurniño acollerá o próximo 23 de febreiro unha nova edición do seu Mercado Local Xusto, no que terán cabida a pequena produción e a comercialización de toda comarca. O prazo para solicitar sitio neste mercado de proximidade remata este luns e a lista completa de expositores publicarase o mércores 19. Hai uns días xa se superaban as 90 inscricións.
O obxectivo do evento organizado pola área de Participación veciñal e Turismo é darlle saída aos produtos de calidade de todo tipo -especialmente neste caso os propios do Entroido- potenciando a venda directa. Trátase, pois, de impulsar o comercio de proximidade e axudar en certa medida á economía local, na liña de recuperar o espírito das feiras de antano e o dinamismo económico que xeraban no territorio este tipo de encontros.
No Mercado Local Xusto haberá de todo: excedentes do agro e produtos de temporada, produtos transformados, alimentos ecolóxicos e artigos de comercio xusto, artesanía e, se cadra o apartado máis numeroso, o espazo para troco e venda de artigos de segunda man.
A cita desenvolverase na Praza do Concello e tamén no adro do convento do Rosario desde primeiras horas da mañá do domingo 23 de febreiro. Na praza situaranse os postos de artesanía, no adro do convento os relacionados coa alimentación, na parte traseira do edificio disporanse os viveiros e comercializadores de planta e, por último, na zona do aparcadoiro irán situados os expositores de obxectos antigos e de segunda man.
O prazo de inscrición remata este luns 17 de febreiro e para apuntarse haberá que entregar a ficha de solicitude na casa da Cultura. O listado completo de postos publicarase o 19.











