Trinta alumnos de InserAmes Brión xa están realizando as súas prácticas en empresas
Nos últimos dous meses, 30 alumnos/as do programa integrado para o emprego InserAmes Brión comezaron as súas practicas profesionais en empresas. Ademais, outros 11 alumnos/as xa acadaron a inserción laboral meses antes de que remate a formación, o que supón o mais do 12% do alumnado total. En total, este programa ofrece formación para o emprego a 80 persoas desempregadas de Ames e Brión e conta cun orzamento total de 160.000 euros. O obxectivo desta iniciativa é mellorar a empregabilidade dos participantes e aumentar as súas opcións de acceder a un posto de traballo.
Os primeiros en realizar as prácticas foron 9 alumnos/as do curso de atención e coidados especializados a persoas dependentes, que traballaron en cinco entidades dos concellos de Ames e Santiago. Actualmente, outros 5 alumnos dos cursos de operario de caixa e de almacén levan a cabo as súas practicas en supermercados do municipio. A vindeira semana, comezarán as prácticas laborais outros 13 alumnos/as das especialidades de operario de almacén e de caixa, que traballarán en establecementos e grandes superficies comerciais de Ames e Santiago. A estes preto de 30 alumnos/as que xa comezaron a súa formación práctica únense outros 10 que a iniciarán antes de que remate o mes de febreiro.
As accións formativas do programa InserAmes Brión están destinadas principalmente a menores de 30 anos desempregados e a mulleres de baixa cualificación, aínda que a inscrición tamén estivo aberta a outros colectivos con especiais dificultades para acceder a un emprego.
Trátase xa da sexta edición deste programa de formación que desenvolve o Concello de Ames, sendo a primeira ocasión na que conta coa colaboración do Concello de Brión. No 2013, os dous municipios, dentro da liña de colaboración que veñen desenvolvendo, decidiron deseñar un programa conxunto, convencidos de que esta colaboración permitiría prestar de forma eficaz e eficiente o servizo de programa integrado para o emprego e minoraría os custes económicos da prestación illada do mesmo servizo. A finalidade desta iniciativa é posibilitar na actual situación de crise económica a prestación dun servizo que forma aos participantes e permitiría reducir o desemprego nos dous concellos.











