Traslado en Monforte da oficina do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar
A oficina que o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar tiña aberta no Campo de San Antonio nº 1 trasladarase a unhas dependencias municipais situadas na rúa Cabe nº 22, na zona do Malecón, onde prestará servizo desde o vindeiro luns día 10 de febreiro.
O Concello e o Consorcio asinaron un convenio de colaboración para a cesión dun local, composto por unha edificación de planta baixa de oitenta e sete metros cadrados. No convenio sinálase que o Concello ten interese en ceder o uso das súas instalacións a entidades sen ánimo de lucro que contribúan ó desenvolvemento socioeconómico e á mellora da calidade de vida das persoas habitantes da zona, mentres que o Consorcio ten interese en situar neste local a actividade do equipo comarcal de inclusión social de Monforte de Lemos.
Mediante a sinatura deste convenio de colaboración, o Consorcio comprométese a correr cos custos dos servizos do local: auga, luz, teléfono e rede, tramitando as correspondentes altas como titular destes servizos e asumindo o custo das operacións de mantemento, inspeccións obrigatorias e reparacións derivadas do uso diario. Tamén se compromete a subscribir un Seguro de Responsabilidade Civil que cubra calquera continxencia derivada do desenvolvemento da actividade que veña realizando dentro do local.
Este convenio terá un prazo de vixencia dun ano, non obstante, poderá prorrogarse de forma expresa antes da súa finalización.
O equipo comarcal de inclusión social desenvolve actuacións de carácter socio laboral nas demarcacións xeográficas que afectan ás comarcas de: Terra de Lemos, Sarria, Chantada e Quiroga, abranguendo un total de 16 concellos.
Este equipo atende actualmente a un total de 266 persoas de Monforte, o concello da demarcación territorial co maior número de persoas participantes, seguido de Sarria con 115, e Quiroga con 77.











