Transfírese a prol do Concello de Ponte Caldelas o treito da estrada PO-532, que une a localidade con Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPonte CaldelasPontevedra
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto polo que se aproba o cambio de titularidade da estrada PO-532 (Pontevedra (N-531) – Ponte Caldelas (PO-255)), a prol do Concello de Ponte Caldelas.

A Administración local solicitou a transferencia de titularidade dun tramo antigo da estrada PO-532, treito illado xerado polas actuacións de mellora desa vía, correspondente á travesía antiga de Tourón que está urbanizada e acondicionada cunha lonxitude de 400 metros e que ten o seu inicio no p.q.11+300 e o seu remate no p.q.11+770.

Ao abeiro das previsións legais, a Área de Planificación e Programación, dependente da  Axencia Galega de Infraestruturas, emite informe favorable sobre o cambio de titularidade deste treito.

A súa entrega formalizarase, no prazo de dous meses tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), e o Concello de Ponte Caldelas converterase no responsable de todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía; así como do exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra.

Cambio de titularidade das estradas de Galicia

Os cambios de titularidade das estradas están regulados pola Lei de estradas de Galicia e deben ser aprobados por un decreto de Xunta, por proposta da consellería competente en materia de estradas. A Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) é a encargada de avaliar o cambio de titularidade.

Ademais, o artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, alega que as entidades locais, dentro das súas competencias, aprobarán a relación de estradas da súa titularidade.

Cumprindo o exposto, o treito da PO-532 deberá incorporarse ao Plan de estradas do Concello de Ponte Caldelas.

26 de febreiro de 2014 | 12:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.