Tradición, gastronomía e actividades infantís protagonizarán o Entroido da Coruña
A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, presentou esta mañá o programa de festas do Entroido 2014, que comezará, como é tradicional, co concurso de orellas de Radio Voz o vindeiro venres 21 de febreiro: “Este ano apostamos por unhas festas que conxugarán o mellor da tradición choqueira da cidade; coa gastronomía do Entroido a través dos concursos de orellas e filloas, e da filloada popular; e coas actividades dirixidas aos máis pequenos da casa que serán os protagonistas do domingo e do luns”, sinalou a concelleira.
A responsable de Cultura informou de que a festa continuará o domingo 23 de febreiro co Concurso de Comparsas que se celebrará ás 18.00 horas na Ágora.
O groso de actividades celebraranse a partir do seguinte fin de semana, co concurso de “filloas” no Palacio da Ópera, e a entronización do momo no Obelisco o venres ás 21.00 horas. Tamén desde o venres e até o día 4 de marzo, o café bar Pardillo, na rúa Areal, acollerá de 23.30 a 1.30 horas o velorio da sardiña.
Será o sábado, 1 de marzo, cando se celebre o Desfile de Entroido desde as 17.30 horas con saída en Alférez Provisional e chegada a María Pita, onde se realizarán os concursos de carrozas e comparsas en modalidade coreografía e vestiario. A xornada pecharase na praza de María Pita ás 21.00 horas cunha verbena popular a cargo da orquestra Cinema e sesión de fogos artificiais.
“Tanto o domingo como o luns de Entroido, a festa trasládase aos xardíns de Méndez Núñez e as dúas xornadas dedícanse aos máis pequenos da casa”, informou Ana Fernández quen explicou que ambos os días, en horario de 12.00 a 14.00 horas e de 17.30 a 20.30 horas, os nenos poderán participar en talleres de música e percusión; máscaras e antifaces; disfraces e automaquillaje; ademais de gozar de xogos variados e inchables. A partir das 19.30 horas as dúas tardes culminan cunha gran festa de disfraces con animación en directo, concursos e sorpresas.
O martes de Entroido, día grande desta celebración na cidade, a praza de España acollerá de forma ininterrompida de 11.00 a 20.00 horas e por terceiro ano consecutivo, unha filloada popular: “Este ano, como novidade, apostamos por unha elaboración tradicional como son as filloas á pedra da Baña, unha preparación sobre pedra plana e quente que se mantivo viva xeración tras xeración”, sinalou a concelleira e engadiu que está prevista a preparación dunhas 15.000 filloas, igual que en anos anteriores, para o que se instalará unha carpa na que os cidadáns poidan observar todo o proceso, no que se utilizarán 8 pedras e no que colaborarán alumnos da escola de hostalaría.
Ademais, de 12.00 a 14.00 horas, haberá actividades infantís na praza de España e desde as 12.30 horas as ofrendas florais a Nito, Canzobre, César SanJosé e Palau. Xa pola tarde, a praza de España acollerá os concursos infantís de disfraces e choqueiros desde as 17.30 horas. Despois a festa trasladarase á rúa da Torre cun concerto dos McKuin ás 19.00 horas, a festa e concurso de choqueiros desde as 20.00 horas e novamente os McKuin pecharán ás 21.00 horas.
Finalmente, o mércores 5 de marzo, termínase o Entroido 2014 co tradicional enterro da sardiña e queima do Momo. A comitiva fúnebre sairá da rúa Areal ás 20.30 horas, da praza de España ás 21.00 horas e chegará a San Amaro ás 21.30 horas, dando fin á celebración.
Ana Fernández avanzou que tanto o cartel deste ano como os folletos coa programación de festas, dos que se editarán 4.000 unidades, estarán dispoñibles a partir de mañá en Bibliotecas, Centros Cívicos, Fórum Metropolitano, Centro Sociocultural Ágora e Oficina de Turismo. A concelleira de Cultura animou a todos os coruñeses a sumarse á festa e a manter vivo o espírito do Entroido coruñés.











