Traballadores de Navantia e auxiliares maniféstanse en Ferrol para pedir maior carga de traballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+
E.P.
Manifestación dos traballadores de Navantia

Manifestación dos traballadores de Navantia

Máis de dous mil traballadores de Navantia Ferrol-Fene e de empresas auxiliares manifestáronse polas rúas da cidade como conclusión a un encerro que se prolongou todo o día no interior do estaleiro para reclamar carga de traballo ante a “insuficiente” ocupación que xerará o flotel adxudicado por Pemex.

A protesta iniciouse ás 18,30 no estaleiro de Navantia Ferrol e concluíu na praza de Armas, fronte ao Concello, con presenza de numerosos traballadores de compañías auxiliares como Atenasa, Acciona, Spril ou Turmoil, e con consignas como se “se pode e debe loitar contra os ES”, ou “ferrolanos, ¿que sabemos facer?, barcos”. A protesta enmarcábase no calendario de mobilizacións acordado polo Comité intercentros para todas as factorías de Navantia.

Nun panfleto que os traballadores repartiron entre os cidadáns, reflectíase que o flotel encargado por Pemex dará traballo a 282 persoas, cando o equipo principal de Navantia na ría de Ferrol é de algo máis de 2.300.

Ignacio Naveiras, voceiro do Comité de Empresa, denunciou así que resulta “insuficiente” para responder á “subocupación” na que se atopan o 60% dos operarios do estaleiro e para dar traballo aos 3.600 operarios de auxiliares que perderon o seu emprego.

A mobilización deste mércores, formulada “contra a estratexia política de que aquí está todo solucionado, de que os estaleiros de Navantia Ferrol teñen garantido o emprego”, insistiu na reclamación de construción do dique flotante. Naveiras recordou que xeraría “carga de traballo inmediata, entre 800 e 1000 empregos, e 500 de forma estable durante 25 anos”.

“¿Onde está o dique do PP? Nós fixemos a reivindicación e eles en campaña electoral prometeron que se se gobernaba se ía construír”, engadiu Naveiras, que reclamou que “non se escondan detrás da xestión de Navantia nin de Bruxelas, como parapeto para esconder a súa inutilidade”.

Os traballadores tamén volven reclamar maior presión política para que Navantia logre contratos de eólica mariña de Iberdrola e dun gasero para Gas Natural.

CRÍTICAS A FEIJÓO

A visita o pasado venres a Ferrol do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, acompañado de representantes de Pemex, tamén provocou as críticas dos traballadores.

Naveiras acusouno de acudir á cidade “de tapadillo”, despois “de dezaseis meses” sin acudir a Ferrol a “intentar vender un produto insuficiente”.

12 de febreiro de 2014 | 21:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.