Tomiño declarou ao pintor goianés Antonio Fernández “fillo predilecto” da vila

Acto de homenaxe a Antonio Fernández
O pobo de Goián (Tomiño) volcouse onte á noite para homenaxear unha vez máis a un dos seus veciños máis ilustres: o pintor (xa desaparecido) Antonio Fernández Gómez. O cariño e a admiración polo artista e filántropo goianés quedou patente nun novo acto conmemorativo: o seu nomeamento coma Fillo Predilecto de Tomiño.
O acto-homenaxe, celebrado onte á noite no Auditorio de Goián, ateigado de público, fixo oficial o nomeamento acordado hai uns días en pleno, por unanimidade da corporación municipal.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o tenente de alcalde e veciño de Goián, Uxío Benítez, presidiron o acto, acompañados polos membros da Comisión Antonio Fernández, formada a instancias do Concello, e na que están incluídas distintas asociacións, colectivos e veciños vencellados a Goián ou á figura do insigne pintor (Agrupación Musical de Goián, CEIP Pintor Antonio Fernández, asociación de veciños e comunidade de montes de Goián, etc.).
Tras o acto institucional, no que falaron a alcaldesa e Ramón Alonso, como presidente da comisión, e no que a primeira fixo entrega dun cadro co nomeamento oficial ao segundo, o actor Suso Pando foi o protagonista dunha peza teatral sobre a vida de Antonio Fernández, creada e representada polo grupo Fulano, Mengano e Citano, ao que pertence. A súa interpretación da personaxe do pintor goianés, moi aplaudida polo público, deu a coñecer as distintas vicisitudes da vida do artista, dende a súa infancia, na que con 12 anos partiu ao Brasil, ata os seus derradeiros días, no seu Goián natal.
A representación contou con acompañamento musical, a cargo dos profesores da Agrupación Musical de Goián, que interpretou unha banda sonora con variacións, creada especialmente por Andrés Álvarez, compositor, profesor e vicepresidente da agrupación.
Ademais, proxectouse un vídeo conmemorativo no que participaron os 170 alumnos e alumnas do CEIP .
A alcaldesa Sandra González, indicou que o acto de onte (que coincidiu co 132 aniversario do nacemento do pintor), viña a pechar o Ano Antonio Fernández, adiantando que, con todo, o traballo conmemorativo seguirá levándose a cabo, con iniciativas coma a apertura da Aula Antonio Fernández, que reunirá nas escolas vellas, obxectos persoais e algunhas obras, debuxos, cadernos e libros do autor. Asemade, agradeceu á comisión e aos veciños e veciñas a súa entrega e implicación para dar a coñecer ás novas xeracións a figura de A. Fernández, dende a súa dimensión persoal, artística e filántropa.











