Tomiño declarará “fillo predilecto” da vila ao pintor Antonio Fernández

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaTomiño
A-
A+
Anuncio da declaración do pintor como fillo predilecto da vila

Anuncio da declaración do pintor como fillo predilecto da vila

O espírito do pintor goianés Antonio Fernández segue vivo. Mostra disto é o cariño que lle amosan os seus veciños e veciñas a título póstumo; cariño e admiración que quedou de novo patente nun novo acto conmemorativo adicado ao artista: o seu nomeamento coma Fillo Predilecto de Tomiño.

A presentación do acto-homenaxe que fará oficial, o vindeiro domingo, o devandito nomeamento, tivo lugar esta mañá no Auditorio de Goián. Participaron nesta presentación aos medios de comunicación, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, o concelleiro de Patrimonio e veciño de Goián, Uxío Benítez, arroupados na oportunidade polos membros da Comisión Antonio Fernández, formada a instancias do Concello, e na que están incluídas distintas asociacións, colectivos e veciños vencellados a Goián ou á figura do insigne pintor (Agrupación Musical de Goián, CEIP Pintor Antonio Fernández, asociación de veciños e comunidade de montes de Goián, etc.).

Atopábase tamén o actor Suso Pando que será o presentador do acto do domingo, participando asemade na representación teatral que sobre a vida de Antonio Fernández terá lugar ese mesmo día, a cargo do grupo Fulano, Mengano e Citano, do que forma parte.

Uxío Benítez explicou aos medios a dinámica do acto do vindeiro domingo (19.30 horas, no auditorio), informando que haberá en primeiro lugar, unha parte institucional, na que se fará oficial o nomeamento de Fillo Predilecto, pasando logo ao espectáculo teatral, con guión e dirección de Suso Pando e Manuel Pombal.

A representación contará con acompañamento musical, a cargo dos profesores da Agrupación Musical de Goián, que interpretarán unha banda sonora con variacións, creada especialmente por Andrés Álvarez, compositor, profesor e vicepresidente da agrupación musical goianesa.

A alcaldesa, pola súa banda, lembrou que o acto coincide co 132 aniversario do nacemento do pintor, e que vén a pechar un ciclo de actos englobados no que foi o Ano Antonio Fernández. Adiantou que, de todos modos,  o traballo conmemorativo seguirá levándose a cabo no tempo, con iniciativas coma a apertura da Aula Antonio Fernández, que reunirá nas escolas vellas, obxectos persoais e algunhas obras, debuxos, cadernos e libros do autor. Asemade, agradeceu aos veciños a súa entrega para dar a coñecer ás novas xeracións a figura de A. Fernández, dende a súa dimensión  persoal, artística e filántropa.

Por último, anunciou que tras o espectáculo teatral, proxectarase un vídeo conmemorativo no que participaron os 170 alumnos e alumnas do colexio goianés.

A entrada ao Auditorio de Goián será libre e gratuíta, ata completarse o aforo.

13 de febreiro de 2014 | 16:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.