Todo listo para a terceira edición do Mercado local xusto de San Sadurniño
O Concello de San Sadurniño publicou este mércores a lista definitiva de expositores admitidos para a terceira edición do Mercado local xusto, que terá lugar no contorno da praza do Concello e do convento do Rosario mañá domingo. En total hai 130 admitidos entre postos de artesanía, produtos ecolóxicos e de horta, viveiros e artigos de segunda man. Ademais, nesta ocasión a parte comercial completarase cunha charla sobre horticultura impartida pola Cooperativa A Xoaniña.
Por actividades son os grupos de artesanía e de segunda man quen máis presenza van ter no mercado xa que entre os dous sumarán 105 expositores. Canda eles tamén se poderá atopar unha completa variedade de produtos da terra e transformados comercializados tanto por cooperativas como por pequenos produtores. Neste caso confirmaron a súa asistencia 4 viveiros de planta e flor e 21 expositores centrados nos cultivos ou na recolección de froitos de temporada como as castañas ou os cogomelos.
A distribución do mercado será semellante á de anteriores edicións: os viveiros irán na parte traseira do convento, a comercialización de produtos alimentarios e de comercio xusto disporase no adro, a artesanía irá para a praza do Concello e a segunda man utilizará para asentar o espazo do aparcadoiro do cemiterio.
Meteogalicia anuncia unha xornada de domingo de nubes e claros con choivas a partir da tardiña. Un día case primaveral con temperaturas agradables que animarán a centos de visitantes a facer algunha compra no mercado e, de paso, dar unha volta por San Sadurniño. O Concello confía en que o tempo e a variedade da oferta convirtan o mercado nun éxito de público no que, ademais, os expositores poidan facer un bo día. O titular de Cultura, Manolo Varela, sinala que as expectativas que levanta o mercado tanto nos comercializadores como no público “anímanos a continuar co proxecto para conseguir que se asente en catro citas anuais, das que dúas cadrarían coa feira da plantación da primavera e coa feira rural do verán mentres que as outras serían no outono e a primeiros de ano, cadrando co Entroido”. Varela destaca ademais que a coincidencia coa feira de Moeche “seguramente non reste asistencia” e que as dúas citas “poden ser complementarias”. Con todo, o edil lembrou que a cadrada na data “non se volverá producir ata dentro de varios anos.
Segundo o concelleiro, o obxectivo do mercado é ofrecerlles aos pequenos comercializadores, produtores e cooperativas “un espazo máis no que darlle saída aos seus artigos ao tempo que recuperamos a actividade comercial directa, sustentable e de proximidade das feiras de antano como alternativa ás grandes superficies e aos mercados globalizados”.
Charla sobre produción hortícola e consumo
O Mercado Local Xusto quere converterse tamén na escusa para debater sobre o futuro do sector primario e sobre aquelas propostas que contribúan a revitalizar a economía rural. Neste sentido, a Cooperativa A Xoaniña ofrecerá o día do mercado unha charla centrada na produción e consumo de produtos de horta. Será a partir das 10 da mañá na casa da Cultura con entrada libre.
A sesión abordará a horticultura desde o punto de vista da sustentabilidade ambiental e social, destacando as posibilidades que se abren na comarca para esta actividade. Do mesmo xeito a charla ocuparase de concienciar aos consumidores e consumidoras sobre as vantaxes de apostar polo comercio de proximidade e polos produtos da zona. Trátase, polo tanto, de facer énfase nun modelo viable de relación entre produción e consumo fundamentado na confianza mutua, nos prezos xustos e na calidade do produto.











