Teresa Portela protagoniza, por videoconferencia, a Gala do Piragüismo Español

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

Teresa Portela e os clubs Kaiak Tudense, Fluvial de O Barco e Copacabana de Ferrol foron protagonistas da Gala do Piragüismo Español que se celebrou no Teatro Ramos Carrión de Zamora. A padeeira de Cangas non acudiu á cita ao atoparse embarazada, pero enviou un vídeo de agradecemento no que destacou o gran traballo realizado en 2013 e tamén as súas aspiracións para 2014, co adianto que buscará o poder competir nos Xogos Olímpicos de Río de Janeiro en 2016.

Teresa Portela logrou o pasado verán a medalla de prata no Campionato de Europa de pista de en Montemor ou Velho (Portugal). Por moi escasa marxe quedou sen o ouro na proba de K-1 200 metros. A pesar do seu embarazo, a padeeira segue cos seus adestramentos e confía en volver á competición o próximo verán. O Campionato do Mundo é un dos seus grandes desafíos para o presente curso.

O Kaiak Tudense volveu demostrar que é un dos mellores clubs españois. Gañou a Copa do Rei División de Honra, o Campionato de España de inverno e foi segundo na liga Nacional de Pista Hernando Calleja. Diego Piña, o seu vicepresidente, foi o encargado de recoller os trofeos.

Tamén o Fluvial de O Barco volveu demostrar que é unha formación de alto nivel nas probas de augas bravas. Terminou na terceira posición na liga de Descenso, un meritorio posto tendo en conta a superioridade que demostran os vascos nesta disciplina.

Pola súa banda, o Copacabana de Ferrol tamén acabou no terceiro posto na liga Nacional de Kaiak Polo. Esta entidade deportiva ha conseguido dar un gran salto de calidade nos últimos anos, con formacións de alto nivel competitivo e tamén co aumento de número de licenzas.

Alfredo Bea, presidente da Federación Galega de Piragüismo, que recolleu o trofeo de mellor padeeira feminina en nome de Teresa Portela, declarou que “os resultados en 2013 foron bos. Os clubs e os deportistas demostran que Galicia ten un enorme potencial no mundo do piragüismo e que van seguir traballando nesta liña”.

9 de febreiro de 2014 | 22:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.