Teresa Portela participará na gala do piragüismo español en Zamora

Teresa Portela
Teresa Portela e os clubs Kaiak Tudense, Copacabana de Ferrol e Fluvial do Barco de Valdeorras serán os protagonistas galegos da gala do piragüismo español que terá lugar o vindeiro sábado en Zamora. Ademais, a Federación Galega de Piragüismo exporá na asemblea extraordinaria, que se celebrará con anterioridade, a redución do soldo do presidente da Federación Española nun trinta por cento.
Teresa Portela foi declarada como a mellor na categoría feminina despois de conquistar a medalla de prata no Campionato de Europa en K-1 200 metros. A padeeira de Cangas, cun amplo historial deportivo, aínda realiza os seus adestramentos a pesar do seu avanzado estado de xestación. Un dos seus obxectivos para o futuro é estar presente nos Xogos Olímpicos de Río de Janeiro en 2016.
O Kaiak Tudense recibirá dous galardóns. Diego Piña, o seu vicepresidente e tamén padeeiro da entidade tudense, recollerá a Copa do Rei División de Honra, o trofeo máis importante a nivel de clubs equipos que se concederá na gala. Gañador do Campionato de España de inverno de 2013, tamén logrou o segundo posto na liga Nacional de Pista Olímpica Hernando Calleja.
O Club Fluvial O Barco de Valdeorras recollerá o trofeo como terceiro clasificado na liga de Descensos de Augas Bravas. O equipo ourensán completou unha magnífica actuación debido á regularidade en todas as probas disputadas. Na presente tempada aspira a estar na loita por lograr o título.
O Copacabana de Ferrol acabou terceiro na liga Nacional de Kaiak Polo, unha modalidade que ao longo de 2013 aumentou o seu nivel de forma considerable. Algúns dos padeeiros galegos xa forman parte do equipo nacional. A entidade ferrolá aposta desde hai varias tempadas por esta disciplina e xa conta con varias formacións en distintas categorías.
Ademais da gala anual do piragüismo español, tamén se celebrará a xunta extraordinaria da Federación Española de Piragüismo. Na orde do día figura a proposta realizada pola Federación Galega de Piragüismo para a redución do soldo de Juan José Ramón Mangas, presidente nacional, nun trinta por cento así como a posibilidade que ingrese o quince por cento do que recade a través de acordos publicitarios para o organismo federativo.
A proposta, apoiada por toda a representación galega, tivo que ser admitida na orde do día ao contar Galicia cun elevado número de representantes na asemblea. Na convocatoria tamén figura a aprobación oficial do calendario da competición para 2014. En Galicia disputaranse varias probas, entre elas o Campionato de España de novas promesas, dúas copas de España e a Copa de España de maratón en Pontevedra.











