Teo pon en valor o miradoiro da Grela en Lampai
O Concello de Teo, a través da concellaría de Servizos Básicos, realizou unha intervención no miradoiro da Grela, na parroquia de Lampai para preservar e poñer en valor este espazo natural privilexiado. O monte da Grela ou da Beitureira, onde está o mirador, é o teito natural do Concello de Teo cos seus 410 metros. Trátase dun miradoiro natural privilexiado dende a que se pode observar unha das mellores panorámicas do oeste da provincia da Coruña. Nunha magnífica vista de 360 graos, dende Lampai temos paisaxes costeiras, urbanas, agrarias e montañosas.
A actuación municipal fíxose nos últimos meses dende a brigada de obras e consistiu principalmente en instalar paneles informativos e explicativos da zona e do que se pode ver dende o alto. Tamén se colocaron varios bancos e papeleiras. Esta acción é unha demanda da veciñanza da parroquia de Lampai que pretenden protexer este espazo natural privilexiado ademais de dalo a coñecer na Comarca.
Algúns dos paneis colocados explican precisamente as panorámicas que poden verse dende o alto en cada dirección. Cara o norte álzanse os montes Areal e o mítico Castro Lupario ou de Francos, tan relacionados con lendas xacobeas. Dende esa perspectiva albíscanse a emblemática Curota ou os cumios do Barbanza. Cara o leste vemos o perfil da área urbana de Santiago no que destacan as torres da Catedral. Movéndose cara o sur imos localizar o Val de Santa Lucía e o Pico Sacro (533 metros). Se seguimos xirando na cima vemos a Estrada no Val de Tabeirós e seguindo cara o oeste teremos diante de nós a paisaxe da desembocadura do río Ulla e o contorno da ría da Arousa. O acceso ó miradoiro da Grela pódese facer en coche aínda que tamén hai indicado un roteiro para facer a subida a pé. E cómpre lembrar que para ter a visión de todos os elementos indicados, e de moitos máis, hai que visitalo nun día claro.
Nos paneis informativos colocados tamén se destaca a importancia histórica do lugar para o Concello de Teo. No contorno máis inmediato da Grela sitúase o Monte Piquiño (Luou) que agocha un fecundo patrimonio arqueolóxico con numerosos xacementos megalíticos e petróflifos da Idade de Bronce. Historicamente trátase dunha zona de gran relevancia estratéxica polo seu gran dominio visual xa que permitía o control de calquera incursión nas terras de Compostela a través da ría de Arousa e o río Ulla.











