Teo celebra o Día de Rosalía o 24 de febreiro coa difusión da súa obra nas redes sociais
O Concello de Teo celebra o 24 de febreiro, Día de Rosalía, cunha iniciativa nas redes sociais que busca a difusión da obra da autora. O Departamento de Cultura convidou a numerosas persoas relacionadas con Teo a facer unha escolla dun poema de Rosalía de Castro. O luns dende as 09:00 horas eses poemas, xunto co nome da persoa que o elixiu, serán difundidos na web municipal, e nos perfís de facebook (www.facebook.com/ConcellodeTeo) e twitter (@concellodeteo) municipais.
Os poemas publicaranse baixo a etiqueta #DíadeRosalía, que coincide cun dos elixidos pola Fundación Rosalía para conmemorar esta data e conquerir que o 24 de febreiro a figura da escritora sexa un dos temas máis comentados nas redes. Dende o Concello decidiuse apostar por estas canles como un xeito de achegar a obra rosaliana aos máis novos/as que son usuarios activos das redes.
Carme Hermida, concelleira de Cultura, coordinou esta iniciativa e convidou a participar nela aos políticos da corporación teense así como a persoas de diferentes ámbitos dende a literatura, a música, a hostalaría, o comercio… O pleno teense ten aprobado mocións encamiñadas á celebración desta data na que se conmemora o nacemento de Rosalía de Castro.
A escolla de poemas nas redes irán acompañados da imaxe de Rosalía interpretada pola pintora Ana Costas, que vive en Teo. Esta artista plástica realizou cinco láminas sobre a figura de Rosalía para o Concello de Teo. Este nadal utilizáronse para entregar como agasallo na cabalgata de Reis aos máis pequenos/as. E o luns 24 tamén se usarán para acompañar as estrofas da escritora nas redes.
Banco de recursos en internet
Outra das iniciativas para celebrar esta xornada é a da concellaría de Educación, dirixida por María Álvarez Garea, de por en marcha un banco de recursos sobre a figura de Rosalía de Castro dispoñibles en internet. Trátase dunha recopilación de enderezos na rede con actividades por idades para poder traballar nos colexios o próximo luns. A idea da edil de Educación, que contou coa colaboración do profesorado do CEIP da Ramallosa, é que este banco axude a que os mestres o utilicen para integrar esta celebración dentro da programación da aula. Neste caso tamén se aposta por materiais TIC porque “entendemos que estas ferramentas deben formar parte activa dunha escola do s. XXI e que debemos formar homes e mulleres con competencia dixital”.
O banco de recursos sobre a figura de Rosalía pódese consultar no seguinte enderezo: http://www.siteo.org/rosalia











