Teatro con música en vivo para conmemorar o Día Internacional da Muller na Guarda
O sábado 8 de marzo con motivo do Día Internacional da Muller levarase a cabo no Centro Cultural da Guarda ás 20:30h un espectáculo de teatro con música en vivo.
XUSTIFICACIÓN: Con este traballo verdeveras expresións artísticas proponse dar voz aos que normalmente non a teñen. Mulleres etiquetadas e estereotipadas, mostran o seu lado menos coñecido, ábrennos o seu mundo coa chave da música para que poidamos rir, reflectirnos e pensar unha vez màis sobre os nosos prexuízos…
Letra e música das cancións: Tato Lòpez
Textos e interpretación: Marìa Angeles Iglesias
SÍNTESE DA OBRA: Un mùsico na rúa ( “Tato” Lòpez, cantautor) comparte un dos seus xogos favoritos: imaxinar as historias da xente que pasa por diante del cada día. Así, mentres toca a guitarra e canta as súas cancións, observa e pensa que será da vida de cada un…Pero, se algo aprendeu desta experiencia é que, polo xeral, nada é o que parece. Como mostra deste descubrimento e entrelazadas coas súas cancións, aparecerán “Maruxa”, “La Otra” e “Chacha” (Marìa Angeles Iglesias, actriz) tres mulleres diferentes que nos contarán as súas historias…
“Maruxa”: Todos a recoñecemos. Todos temos algo dela. Algúns a critican…Pero Quen é Maruxa? Que encerra o mundo desta muller de fogar?
Ela fala por teléfono cunha veciña e ao escoitar esta parte da conversación esmiuzamos a súa vida de ama de casa, atenta a cada detalle, dende a beleza á limpeza…O seu interese polo sexo, a crítica a sociedade e as súas opinións sobre un marido, a quen ama a pesar de todo…
“La Otra”: Quen non formou parte dun triángulo amoroso algunha vez? Quen non coñece alguén que pasase por esa experiencia? Non obstante poucas veces escoitamos a versión de La Otra que moito ten que contar da súa historia de amor…Porque como ela mesma di, ” despois de todo o amor nunca pode ser pecado”; e coidado, que tampouco se queda aí a cousa!
“Chacha”: Logo de anos de traballo nunha casa, Chacha decide abandoar ese fogar e marchar a vivir a súa propia vida, que todavìa lle queda moito por facer…Pero Que opina ela dos donos da casa? Como foi que chegou ata alí?…Con tantas idas e voltas a súa vida podería ser… un Tango!











