Segunda sesión de Ponte a Londres! nos CEIP de Lérez, Xeve e Campañó

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O proxecto Ponte a Londres! acomete mañá a segunda sesión presencial baixo o título “Choiva de ideas”. Ao longo de hora e media os grupos que participan na actividade poderán, da man da monitora, intercambiar impresións sobre a sesión anterior e a conversa con Londres; resumir os contidos da web Ponte a Londres e poñer en común as súas valoracións persoais sobre a web que serve de conexión a todos os centros de Ponte a Londres: http://pontealondres.eu/web/ Neste web didáctico pódense ver as achegas dos alumnos dos catro centros que participan na actividade.

Na sesión de mañá tamén se presentará a proposta de traballo para faceren un documental, como se fará e que contidos tratará. Para inspirarse verán algúns vídeos e documentais de varios estilos. Cada sesión rematará cunha reflexión sobre a inspiración e a temática que pode abordar o documental final, arredor das seguintes cuestións: que é o que máis che gusta do teu entorno?; que lugares, que paisaxes, que obxectos, que acontecementos ou sucesos?; que persoas e que historias hai detrás de todos eses elementos?; que che gustaría amosarlle ao grupo de Londres?; que nexos de unión atopamos?; que precisamos para desenvolver este proxecto?

Os horarios da sesión de mañá serán:

• 09.00 – 10.30 horas no CEIP de Xeve.

• 11.00-12.30 horas, no CEIP de Lérez

• 13.00-14.30 horas, no CEIP Parada-Campañó.

Ponte a Londres é unha iniciativa innovadora para dinamizar o uso da lingua galega a través de conversas e narración multimedia entre escolares de 5º e 6º de primaria dos CEIP Lérez (33 alumnos/as), Xeve (38 alumnos/as) e Campañó (13 alumnos/as de 6º); coa colaboración do colexio español Cañada Blanch de Londres.

As distintas actividades do programa impulsarán o galego como lingua de comunicación entre o alumnado e axudará aos nenos e nenas de Pontevedra a valorar a lingua galega como lingua de comunicación. Tamén se incentivará a reflexión de que o coñecemento, o uso e a valoración do galego é unha fonte de riqueza lingüística e de identidade que abre as portas a un universo infinito de coñecementos e á comunicación con moitos países fóra de Galiza.

11 de febreiro de 2014 | 18:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.