San Sadurniño reunirá 130 expositores no Mercado Local Xusto do vindeiro domingo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Con todo, o mercado continuará tendo unha importante presenza da agricultura e a alimentación. Serán 25 postos -entre pequenos produtores de horta, cooperativas e viveiros de árbore, planta e flor- os que mostrarán en San Sadurniño a súa mellor mercadoría. Parte dela son artigos ecolóxicos, alimentos transformados e froitos colleitados directamente polos labregos e labregas, na procura dunha relación máis próxima ao consumidor e sen intermediarios.

E é que o Mercado Local Xusto de San Sadurniño busca precisamente iso, darlle saída aos produtos de calidade -especialmente os de temporada- promovendo a venda directa para que a maior parte do valor engadido quede nos produtores locais en vez de marchar ao comercio das grandes áreas. Ademais, outro dos obxectivos do encontro é potenciar o comercio a pequena escala na liña de recuperar tanto o espírito como o dinamismo económico que xeraban no territorio as feiras e mercados de antano.

A cita organizada pola área de Participación veciñal e Turismo desenvolverase no contorno da Casa do Concello, onde se lles dará acomodo aos 130 expositores inscritos. De novo serán os de artesanía e os de segunda man os máis numerosos, xa que desta vez a cifra sitúase nos 105.

Agora só falta que o tempo acompañe. É cedo para fiarse das previsións e de aquí ao domingo pode pasar calquera cousa pero, en calquera caso, Meteogalicia anunciaba a data de mércores 19 que a fin de semana traerá nubes e claros e algunha que outra chuviscada.

Charla sobre produción hortícola e consumo

O Mercado Local Xusto quere converterse tamén na escusa para debater sobre o futuro do sector primario e sobre aquelas propostas que contribúan a revitalizar a economía rural. Neste sentido, a Cooperativa A Xoaniña ofrecerá o día do mercado unha charla centrada na produción e consumo de produtos de horta. Será a partir das 10 da mañá na casa da Cultura con entrada libre.

A sesión abordará a horticultura desde o punto de vista da sustentabilidade ambiental e social, destacando as posibilidades que se abren na comarca para esta actividade. Do mesmo xeito a charla ocuparase de concienciar aos consumidores e consumidoras sobre as vantaxes de apostar polo comercio de proximidade e polos produtos da zona. Trátase, polo tanto, de facer énfase nun modelo viable de relación entre produción e consumo fundamentado na confianza mutua, nos prezos xustos e na calidade do produto.

19 de febreiro de 2014 | 19:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.