San Sadurniño repón a pancarta contraria á reforma da lei do aborto
Traballadores municipais aproveitaron a relativa calma atmosférica desta mañá para volver colocar na fachada da Casa do Concello unha nova pancarta co lema Polo dereito a decidir. Aborto libre e gratuíto, despois de que a primeira desaparecese na noite do 31 de xaneiro. Houbo que agardar a que os temporais desen un respiro para volver facer visible unha mensaxe que, en palabras do alcalde, “reflicte un acordo adoptado de forma unánime pola corporación que representa a todos os veciños e veciñas de San Sadurniño”. Secundino García reafirmou a intención do Concello de continuar apoiando a liberdade de decisión das mulleres en canto á súa maternidade “a pesar de quen tenta impoñer ideas do pasado e de quen quere facer calar á sociedade pola forza”.
A historia da faixa reivindicativa remóntase ao pleno ordinario do 11 de xaneiro, cando BNG, PP e PSOE aprobaron por unanimidade unha moción de rexeitamento do anteproxecto de reforma da actual lei do aborto impulsado por Alberto Ruíz Gallardón. Unha norma que restrinxe os casos en que unha muller poderá abortar e que volve á fórmula dos supostos en vez de continuar coa dos prazos que, coa lei en vigor, permite o aborto libre até as 14 semanas do embarazo.
O articulado impulsado polo Ministro de Xustiza recolle que as mulleres poderían abortar até a semana 12 da xestación se esta é resultado dunha violación, ou ata a semana 22 se existe risco grave para a saúde física ou písiquica da nai. Elimínase, polo tanto, o suposto de malformacións do feto. Ademais, o anteproxecto que hai enriba da mesa incrementa a tramitación e a necesidade de informes previos.
San Sadurniño converteuse nun dos poucos lugares de todo o Estado onde unha moción contraria á reforma da lei do aborto se aprobaba co apoio do Partido Popular que, sen embargo, adoptou posicionamentos semellantes noutros municipios, tal e como destacaba hai algún tempo unha reportaxe de La Sexta Noticias.
A decisión plenaria adoptada en San Sadurniño incluía iniciar unha campaña informativa e de rexeitamento da reforma da lei do aborto e, como primeira medida, colocouse un cartaz na fachada do Concello o pasado 29 de xaneiro. As reaccións non se fixeron esperar. O Foro Gallego de la Familia esixíu a través dos medios de comunicación que se retirase a pancarta, mentres que a Diocese de Mondoñedo-Ferrol expresou o seu malestar nunha carta dirixida ao alcalde. Nela, ademais, solicitaba formalmente a retirada da lenda “pola boa relación entrambas institucións” aínda que, iso si, recoñecéndolle ao organismo municipal o seu dereito a expresarse libremente.
A retirada chegou na noite do venres 31 de xaneiro, pero non por iniciativa municipal. Dous días despois de quedar pendurada na fachada do Concello a pancarta desapareceu misteriosamente nunha acción que para o alcalde non respondía a un simple acto vandálico, senón “a un acto premeditado que atenta contra o patrimonio público e contra a vontade do pobo de San Sadurniño”.
Dez días despois a faixa Polo dereito a decidir. Aborto libre e gratuítovolve estar no mesmo sitio. O que non se sabe é por canto tempo. “Non imos estar vixiando a pancarta, sería de parvos”, dí Secundino García. “Somos conscientes de que hai moitas posibilidades de que a volvan roubar e alá cadaquén coa súa conciencia. Pero todos temos que ter claro que esa pancarta reflicte un acordo adoptado de forma unánime pola corporación que representa a todos os veciños e veciñas de San Sadurniño. Non imos tolerar que se siga atacando a Institución e continuaremos apoiando a liberdade de decisión das mulleres a pesar de aqueles que tentan impoñer ideas do pasado e de quen quere facer calar á sociedade pola forza”.











