San Sadurniño debaterá sobre a correcta atención ás persoas maiores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O Colexio oficial de Psicoloxía de Galicia e o centro residencial Suacasa organizan para o próximo 14 de marzo un obradoiro centrado na prevención e actuación diante dun caso de maltrato a unha persoa anciá. A sesión conta coa colaboración da área municipal de Benestar social e vai dirixida principalmente a profesionais da xerontoloxía, persoas que traballen cos maiores ou a calquera que teña interese no tema. Para participar cómpre inscribirse antes chamando ao 981 490 027 ou enviar un correo a veronica.rodriguez@sansadurnino.dicoruna.es.

Os casos de malas prácticas na atención ás persoas maiores por parte de persoas do seu contorno adoitan ser pouco coñecidos e, como consecuencia, as persoas que os sofren están mais indefensas. É un problema con escasa visibilidade xa que existen poucas denuncias e polo tanto tamén pouca repercusión mediática. Ademais, moitas veces os casos encúbrense xa que as persoas afectadas teñen medo a sacalos á luz polas posibles consecuencias tanto para elas como para quen está ao seu redor.

Porén, maltratar non significa necesariamente empregar violencia. Nin sequera ten por que haber animosidade ou consciencia de que se está maltratando. Unha mala palabra, a falla de tacto en certas situacións, unha atención inadecuada… son factores que poden provocar dor ou danos, tanto físicos como psicolóxicos.

O coñecemento técnico desta temática é determinante para as persoas responsables da atención profesional ás persoas maiores e por iso a organización busca facilitar unha capacitación básica á hora de recoñecer e practicar o bo trato na atención ás persoas maiores.

O obradoiro é gratuíto impartirano unha psicóloga e máis unha terapeuta especializadas, que ofrecerán unha capacitación básica á hora de abordar o maltrato ás persoas maiores. Os temas que se tratarán serán a definición, tipoloxías e factores de risco do maltrato ás persoas maiores; a detección do maltrato ou de condutas neglixentes; a importancia da prevención e, por último, os protocolos de intervención ante casos de maltrato.

A data de celebración do encontro está fixada para o venres 14 de marzo entre as 17 e as 19 horas na casa da Cultura de San Sadurniño. Na organización están implicadas a sección de Psicoloxía da Intervención Social do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e o centro residencial de maiores Suacasa, en colaboración co Concello. 

27 de febreiro de 2014 | 11:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.