San Sadurniño contará cun curso de fructicultura de 60 horas que se desenvolverá durante todo o ano
“Bases técnicas para o desenvolvemento da fruticultura en Galicia”. Ese é o título do curso que está organizando o Concello de San Sadurniño ao redor da produción de froita como alternativa laboral e económica. Esta acción formativa impartirana seis reputados técnicos e a súa execución terá carácter discontinuo ao longo de varios meses para así poder realizar os labores necesarios de todo o ciclo anual de xestión dunha explotación frutícola. As preinscricións poden facerse desde xa mesmo na casa da Cultura ou chamando ao 981 490 027.
Esta acción formativa conta coa colaboración da AGFA do Eume e terá unha duración de 60 horas entre teoría e práctica. A parte teórica desenvolverase na aula de formación municipal, situada na antiga casa do conserxe, mentres que a práctica impartirase na horta de froiteiras autóctonas da Cortiña ou nas visitas que se organicen a plantacións da comarca.
O curso ten tres módulos. No primeiro abordarase a morfoloxía das distintas froiteiras, as ferramentas e as técnicas de poda segundo sexan árbores de óso ou pebida, castiñeiros para produción de castaña, kiwi ou árbores de pequenos froitos. Xa no segundo módulo trataranse os sistemas de propagación e formación máis usuais así como os xeitos de plantación, mantemento e protección das árbores. O terceiro e último módulo ocuparase dos contidos relacionados coas alternativas fructícolas que máis se axeitan ao chan e o clima do país. Pero tamén se falará dos sistemas de recollida, conservación e comercialización e, non menos importante, sobre como por en valor a froita a través da súa transformación en zumes ou marmeladas.
As persoas inscritas participarán activamente en clases prácticas guiadas de implantación, de poda, de entitorado e de laboreo da terra. Tamén aplicarán tratamentos fitosanitarios -tanto ecolóxicos como convencionais-, multiplicarán plantas mediante enxerto e acodo, recollerán froita e elaborarán sidra e outros produtos de interese agroindustrial. Para todo isto disporán tanto da finca da Cortiña como de materiais específicos como substratos, macetas, invernadoiros, obradoiro de enxerto, plantóns, patróns e ferramenta de entitorado. Ademais, tamén hai programadas dúas visitas, unha ao viveiro O Pomariño da Capela e outra ás instalacións do C.F.E.A. de Guísamo, onde lle mostrarán aos asistentes os xeitos máis convenientes de almacenaxe e conservación da froita, ademais de varias posibilidades de transformación.
O curso de fructicultura contará como docentes con reputados profesionais e investigadores galegos, como son os enxeñeiros Ramiro Martínez, Luís Quinteiro e Xosé Antonio Meixide; así como os técnicos en paisaxismo e medio rural Alberte Carballido e Jaime Pardo e o especialista en xardinaría e florería Enrique Vilariño.
Datas e prezos
Está previsto que o curso comece na primeira quincena de marzo entrando de cheo nas técnicas de poda e de preparación da leira da Cortiña. En total son 60 horas que se irán repartindo ao longo dos meses ata rematar co ciclo natural da explotación no outono/inverno. Tanto a teoría como a práctica impartiranse en xornada de tarde, preferentemente os días laborais de 16.00 a 20.00 horas, aínda que puntualmente poderá haber algunha práctica en fin de semana.
Só hai dispoñibles 25 prazas que se cubrirán por orde de inscrición e con prioridade para as persoas empadroadas en San Sadurniño. Para levar adiante o curso será necesario xuntar un grupo de, polo menos, 20 persoas. É requisito imprescindible ser maior de 16 anos para participar no curso, que terá un custe total de 120 euros, aínda que a cota baixará a 60 euros para aquelas persoas que xustifiquen estar desempregadas. No prezo non se inclúen os desprazamentos aos lugares de visita, que irán por conta do alumnado.
A preinscrición pode facerse chamando polas mañás ao 981 490 027 ou acundindo á casa da Cultura en horario de 8.00 a 14.00h.











