San Sadurniño colabora coa asociación Artelladas nun curso de monitor de tempo libre
O título de monitor/a en Actividades de Tempo libre abre a porta para poder traballar en lugares como campamentos de verán, colonias, ludotecas, espazos de animación, etc. A asociación Artelladas ofrece a posibilidade de obter esta acreditación oficial por medio dun curso de 350 horas que se desenvolverá entre o 7 de marzo e o 4 de maio. As solicitudes de inscrición hai que facelas contactando coa asociación ou ben na Oficina de Orientación Laboral. O prazo remata o 22 de febreiro.
O curso intensivo será impartido pola Escola das Utopías, dirixida polo actor Pedro Brandariz quen, ademais, impartirá varios dos módulos do programa. A escola ofrece un amplo abano de actividades socioculturais e ten como un dos seus obxectivos principais capacitar as persoas para dinamizar grupos, acadar o desenvolvemento comunitario e “favorecer que o mundo sexa máis xusto, equitativo e solidario”.
Esta acción formativa na que colabora o Concello vai dirixida a persoas maiores de 18 anos que posúan o título da EXB ou da ESO e terá un custe total de 300 euros, aínda que desde a organización indican que se ofrecerán facilidades para o pagamento.
A duración total do curso divídese en 200 horas teorico-prácticas e outras 150 exclusivamente prácticas. A previsión é empezar o 7 de marzo e rematar o 4 de maio traballando sempre durante a fin de semana: os venres de 16 a 21 horas, os sábados de 9 a 14 e de 16 a 21 e os domingos entre as 9 e as 14 horas.
As inscricións poden facerse ata o día 22 de febreiro e tanto o Concello como Artelladas sinalan que o curso só sairá adiante se se apuntan un mínimo de 20 persoas. Para obter máis información e realizar a preinscrición abonda con chamar ao 667 924 611 ou enviar un correo a artelladas@gmail.com. Outra opción é chamar directamente á centraliña do Concello -981 490 027- para que nos pasen coa Oficina de Orientación Laboral que, por suposto, tamén ten correo: orientacion.laboral@sansadurnino.dicoruna.es











