San Sadurniño cifra en 7.000 euros o custe provisional dos últimos temporais
Parece que o peor do inverno xa vai aló. Nas últimas semanas varias borrascas varreron Galicia un día si e outro tamén deixando ao seu paso vento, auga e centos de incidencias. En San Sadurniño os temporais provocaron a caída de árbores e fortes escorrentías que mesmo chegaron a levar arredor de 20 metros da pista que une os lugares da Pena da Meda e do Cando, en Igrexafeita. O Concello cifra en 7.000 euros o impacto do mal tempo. Porén este só é un cálculo inicial que seguramente aumente nos próximos meses debido á necesidade de sanear gabias e de reparar as estradas municipais afectadas.
A incidencia máis grave produciuse a primeiros deste mes de febreiro na pista que vai da Pena da Meda ao Castro, en Igrexafeita. Alí un corremento de terras levou canda si varios metros de asfalto, o que obrigou ao Concello a valar e sinalizar a zona á espera de que o mal tempo dese unha tregua para repoñer o firme.
Esta mesma semana a empresa Begasucegsa comezou coas obras de reparación. Foi necesario atacar o burato con varias viaxes de pedra e facer unha condución soterrada para evacuar cara ao río a auga proveniente dos montes próximos, onde se está levando a cabo unha importante actividade forestal. A empresa agardará agora a que o tempo mellore para botar unha nova capa de rodadura no tramo afectado.
Xunto con estes traballos de urxencia, o departamento de Obras tamén encargou a limpeza das cunetas en todo o trazado. Un traballo que se estendeu, ademais, á zona próxima da Ribeira. Trátase unha parte do territorio municipal cunha grande inclinación onde a corta masiva de madeira deixou os montes literalmente rapados. Unha circunstancia que lle dá vía libre á auga para arrastrar lama e pólas que acaban atoando gabias e taxeas.
A situación repítese noutras partes de San Sadurniño. Os temporais que se foron encadeando desde principios de ano produciron caídas de árbores sobre vías de comunicación e sobre o tendido do alumeado público. Tamén houbo pequenos desperfectos en bens municipais. “Cousa miúda en comparanza cos posibles efectos a medio prazo sobre a rede viaria”, tal e como indica a concelleira de Obras, Amparo Calvo. “O paso de tantas frontes e con tanta forza deixou as cunetas cheas de pólas que se xuntan con outro material amontoado pola auga. Ademais, cando a choiva é moita e os sangradoiros non conseguen facela circular, a auga acaba filtrándose e debilitando o firme das pistas”, explica Calvo, para quen o problema “é aínda maior” nas zonas onde se están facendo sacas de madeira por causa do tráfico de maquinaria pesada.
Por esta razón a responsable de Obras anunciou que o Concello levará a cabo nos próximos meses un plan extraordinario de limpeza das beiravías do municipio que se complementará coa detección e arranxo de posibles danos estruturais nas estradas. Por outra banda, o goberno local tamén ten como obxectivo a aplicación efectiva da ordenanza reguladora da extracción forestal “como única forma de garantir que esta actividade tan importante para a economía das familias non supoña por outro lado un gasto insostible para as arcas municipais.”











