San Sadurniño busca a implicación do goberno autonómico na urbanización do contorno do pazo da Marquesa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Unha vez rematadas as obras de acondicionamento da futura Casa do Concello e do edificio anexo, o goberno local inicia agora os contactos de cara a obter finanzamento para preparar o contorno de ambos inmobles. Representantes do goberno local reuníronse este luns en Santiago co Director Xeral de Administración local, José Alberto Pazos, para expoñerlle o proxecto e solicitarlle a implicación  económica da Xunta na execución das obras, orzamentadas en 60.000 euros.

O proxecto deseñado polo Concello prevé varias actuacións encamiñadas a mellorar a accesibilidade e o aspecto do espazo común que rodea o pazo e o edificio anexo.  A solución técnica adoptada pasa por derrubar os restos da antiga queixaría -que noutro tempo foron as cabaleirizas do pazo- e construír no lugar un aparcadoiro aproveitando ademais a explanada que hai ao seu carón. Os planos reflicten unha nova área de estacionamento con capacidade para 35 vehículos que daría servizo aos dous edificios públicos ao tempo que axudaría a desconxestionar as beiravías do centro urbano.

A segunda grande parte do proxecto céntrase na urbanización do perímetro do edificio anexo e máis do pazo. A partes comúns de acceso irán enlousadas, mentres que a parte traseira da zona nova levará unha área vexetal que sirva de conexión cos xardíns do pazo. A intervención prevé tamén recuperar todo o contorno inmediato da futura casa consistorial que se viu afectada por meses de traballos nos dous edificios.

O orzamento total das obras ascende a 60.000 euros que o Concello pretende sufragar, alomenos en parte, con cargo ás axudas  autonómicas para a mellora de infraestruturas públicas. O Alcalde, Secundino García, e o edil de Rexime Interior e Facenda, Xesús Soto, reuníronse co Director Xeral de Administración Local para expoñerlle o proxecto e procurar a implicación da Xunta no seu desenvolvemento. 

Os representantes municipais expresaron ao remate da xuntanza “a boa acollida da proposta” por parte de José Alberto Pazos. Secundino García lembrou a este respecto que a Xunta de Galicia “non achegou polo momento ningún tipo de axuda, nin para o pazo nin para o edificio anexo”. Con todo, o alcalde manifestou trala reunión a súa “confianza” en que o organismo autonómico participe economicamente nunhas obras coas que se darían por rematadas as intervencións na zona.

3 de febreiro de 2014 | 19:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.