San Sadurniño acollerá unha charla informativa sobre os perigos da avespa asiática
A mundialización descontrolada do comercio produce consecuencias negativas, e algunhas estamos padecéndoas de xeito silencioso. Este pode ser o caso das especies invasoras que, segundo os informes da Axencia Europea do Medio Ambiente, representan serios riscos para a biodiversidade, para a saúde humana e mesmo para a economía. A Vespa velutina é a avespa asiática, tamén chamada “asasina” por mor do seu comportamento agresivo coas colmeas de abellas e insectos en xeral. A súa chegada e instalación en Galicia vai camiño de se converter nun problema serio para os nosos ecosistemas. En San Sadurniño xa se localizou unha colonia na zona de Santa Mariña, polo que cómpre estremar as precaucións.
Esta avespa non ten depredadores naturais en Europa. Multiplícase rapidamente e é moi voraz. Os zoólogos sinalan que entre o 45 e o 80% da súa dieta compóñena as abellas, incapaces de se defender dos ataques. Crese que a vespa velutina entrou en Europa pola zona oriental francesa oculta nun cargamento de mercadorías procedente da China. Foi no 2005 e tan só catro anos despois xa se estendera por máis da metade de Francia. Desde alí foi baixando até o País Vasco e posteriormente chegou ata Galicia e Portugal percorrendo a área cantábrica.
A primeira identificación oficial no noso país produciuse en Burela en 2012 e a comezos do 2013 localizouse outra colonia en Baiona. Máis preto de nós hai constancia de niños en Cedeira, onde destruíron cinco colmeas en novembro, e no pasado Nadal capturouse cunha trampa unha raíña no lugar da Vella morta, en Santa Mariña do Monte.
A única maneira de loitar contra a invasión é detectar e destruír todos os niños que se poidan. Recoméndase precaución xa que, aínda que non son máis agresivas para nós que as convencionais, si teñen un ferrón máis longo e un veleno máis potente. 10 picadas son suficientes para enviar un adulto ao hospital e os ataques a humanos poden darse preto dos niños.
A Asociación Galega de Apicultura ten na súa web moita información dispoñible sobre a avespa asiática. Destaca unha presentación powerpoint do experto Antonio G. Pajuelo que nos permite identificar sen lugar a dúbidas este tipo de avespa, dándonos ademais varias indicacións sobre a fabricación de trampas ou a destrucción de niños. Con todo, está previsto que a AGA inicie en San Sadurniño e Narón unha campaña divulgativa por toda Galicia sobre o perigo ambiental que supón a vespa velutina.











