Salvamento Marítimo trata de remolcar de novo o barco que está á deriva preto de Cabo Ortegal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Europa Press

Salvamento Marítimo intentará de novo este xoves dar remolque ao barco ‘Esnaad 715’, de bandeira dos Emiratos Árabes, que permanece á deriva a unhas 55 millas de Cabo Ortegal, despois de que o martes fosen evacuados os seus cinco tripulantes.

Segundo explicaron fontes de Salvamento Marítimo, o helicóptero ‘Helimer 209’ ten previsto desprazarse de novo este xoves á zona cun equipo de catro técnicos de operacións especiais da base estratéxica de Fene (A Coruña) para intentar descender ao buque á deriva para tratar de realizar as tarefas de remolque.

O buque de Salvamento ‘Sar Gavia’ permanece na zona, na que melloraron algo as condicións meteorolóxicas, con ventos de 20-25 nós e ondas de 4-5 metros sobre as 7,15 horas, segundo precisaron as mesmas fontes. O mércores as ondas de oito metros e ventos de 40 nós imposibilitaron as tarefas de remolque.

Como o buque ‘Esnaad 715’ carece de tripulación a bordo é preciso que baixe persoal especializado, para o que se mobilizou no helicóptero con base na Coruña a técnicos de operacións especiais da base estratéxica de Fene.

Ás 17,00 horas do martes os tripulantes do barco estaban a bordo do helicóptero de rescate e eran trasladados a Viveiro (Lugo), despois de que ás 15.05 horas desa xornada, na que había alerta vermella no litoral galego por temporal, o barco ‘Esnaad 715’ emitise un sinal de aviso.

6 de febreiro de 2014 | 10:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.