publicidade hoxe

Rueda asina coa Concello da Cañiza o convenio de reversión do Centro Comarcal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CañizaLocal Portada
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde da Cañiza, Miguel Domínguez, asinaron esta mañá o convenio de reversión do Centro Comarcal da Paradanta a favor do Concello, nun acto no que estivo presente o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.

A Xunta considera que a reversión deste centro ao Concello é un exemplo de racionalización de recursos e de cooperación entre Administracións, xa que se logra aproveitar e maximizar o uso de espazos ao servizo do cidadán.

O Centro de exposicións permanente de recursos da comarca da Paradanta foi construído no seu día nuns terreos municipais que o Concello da Cañiza lle cedera á Xunta. Logo de que o Goberno galego lle ofrecera a reversión do edificio, o Concello da Cañiza aceptou facerse cargo do mesmo, e así quedou ratificado no acordo de hoxe.

O Goberno galego foi pioneiro na súa aposta pola racionalización da Administración, coa posta en marcha da Lei de racionalización da Administración Autonómica e o Plan de racionalización da administración paralela. Este plan -que está na súa terceira fase de desenvolvemento- supuxo xa o aforro de máis de 40 millóns de euros e a eliminación de case 60 entes.

Precisamente, entre os entes extinguidos atópanse as fundacións comarcais, cuxa reformulación ten permitido eliminar duplicidades e gañar en eficiencia, sen menoscabar en ningún caso os servizos que reciben os cidadáns por parte das Administracións.

3 de febreiro de 2014 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.