Rogelio Martínez destaca as axudas de apoio aos centros comerciais abertos para a reactivación da economía

Rogelio Martínez na visita ao Centro Comercial Aberto de Ourense
O delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, subliñou que o apoio ao comercio de proximidade é un dos eixos estratéxicos da Consellería de Economía e Industria como sector de relevancia para a reactivación da economía. Así, este departamento autonómico ten aberto, ata o 24 de febreiro, o prazo de solicitude para o novo programa de axudas ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos, dotado con 2,2 millóns de euros, que está enmarcado dentro da aposta polo impulso ao asociacionismo comercial que desenvolve este departamento autonómico que dirixe Francisco Conde e orientado a mellorar a competitividade do comercio de proximidade e estimular as vendas.
Martínez fixo estas declaracións durante a visita que realizou esta maña ao Centro Comercial Aberto Ourense Centro. Alí mantivo unha xuntanza co seu presidente, Luis Rivera, e outros membros da xunta directiva, que lle trasladaron as súas inquedanzas respecto á actual situación do comercio de proximidade. O delegado territorial, logo de percorrer distintas rúas deste CCA puxo de relevo o traballo desta organización a prol da dinamización comercial no centro da capital das Burgas e subliñou a importancia dos centros comerciais abertos no impulso do comercio de proximidade.
O Centro Comercial Aberto Ourense Centro, é un dos seis da provincia que resultaron beneficiados o ano pasado, xunto coa Asociación de Prazas de Abastos nº1 da capital, con estas axudas cunhas achegas que chegaron preto aos 230.000 euros.
Martínez indicou que con estas subvencións se potencian “dúas figuras clave para o pequeno comercio galego”. A través desta convocatoria, publicada o pasado 23 de febreiro no Diario Oficial de Galicia, apóianse diferentes actuacións que, tal e como indicou o delegado territorial, permitirán atraer nova clientela e mellorar os servizos que se ofrecen. Así, a través deste programa apoiarase a posta en marcha de campañas de dinamización, sistemas de fidelización de clientes ou proxectos de sinalización comercial externa, ademais de axudas para o funcionamento das unidades xerenciais e, no caso das asociacións das prazas de abastos, melloras en instalacións e equipamentos.
O programa enmárcase na estratexia específica da Xunta para impulsar o comercio como creador de riqueza e emprego e un importante dinamizador das vilas e cidades galegas. Rogelio Martínez sinalou que o traballo da Consellería de Economía e Industria neste eido se centra, ademais de no impulso ao asociacionismo comercial, en eixos como o emprendemento, no que a nova Lei supón un importante estímulo, a innovación, o relevo xeracional ou a potenciación das prazas de abastos.
As axudas, que poderán solicitarse ata o luns que vén, día 24, poden chegar no caso dos centros comerciais abertos ata os 40.000 euros e alcanzar o 80% do investimento subvencionable, en función da poboación dos concellos nos que están situados e do número de establecementos asociados.
No caso das asociacións das prazas de abastos, a porcentaxe de axuda é do 70%, podendo alcanzar a subvención un máximo de 9.800 euros. Avánzase así na estratexia que desenvolve a Consellería de Economía e Industria para consolidar os mercados como referentes na venda de produto fresco e de calidade, apostando por prazas “onde se leve a cabo unha venda moderna, con servizos, diversidade e excelencia”, tal e como subliñou Martínez, “ao tempo que se dá resposta ás novas demandas dos consumidores”.
Entre os criterios de valoración para acceder ás axudas, prímase o autofinanciamento das asociacións, a través da captación de socios, prevalecen as actuacións que sexan máis novidosas, que teñan un maior alcance e impliquen un maior número de comercios, así como as que supoñan beneficios para o ambiente ou as familias numerosas.
O delegado territorial da Xunta en Ourense recordou que, dentro da estratexia integral de apoio ao comercio de proximidade, a Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección Xeral de Comercio, vén de pór en marcha diferentes iniciativas de dinamización,co obxectivo de impulsar e dinamizar esta actividade comercial.











