Roberto Vilar será o pregoeiro do Xoves de Comadres en Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVerín
A-
A+

O vindeiro día 27 de febreiro, o humorista e presentador Roberto Vilar será o encargado de realizar o pregón dunha das xornadas máis participativas e emblemáticas do Entroido de Verín: o Xoves de Comadres.

Con ironía, moitas risas e humor, un dos persoeiros máis emblemáticos da televisión autonómica aportará unha visión particular aos asuntos de actualidade nunha noite que dará inicio de modo oficial o ciclo do Entroido na localidade.

Xunto con Víctor Fábregas formou o dúo Os Tonechos. Nunha soa década acadou unha tremenda popularidade, en boa parte grazas ao personaxe trapalleiro e lacazán de Tonecho. A súa traxectoria actoral, desde 2000, non se pode desvencellar da canle autonómica, pois foi forxando o seu estilo en programas de entretemento varios e telecomedias da TVG. Os Tonechos comezaron facendo escenas cómicas dentro do espazo semanal Luar mais acabaron tendo un programa de seu, antes de se separaren -en principio temporalmente- en 2009, o mesmo ano en que Vilar comezaría co seu propio magazine, Land Rober, dirixido e conducido por el mesmo. Tras o seu paso pola cadea Cuatro con Salta a la vista, retorna a televisión autonómica do programa Entre familias anda o xogo. Puntuais contribucións curtametraxistas e de dobraxe completan o seu curriculum.

Con respecto aos premios e recoñecementos, ten no seu haber o premio Mestre Mateo ao mellor comunicador de televisión por Land Rober (entregado nos anos 2011 e 2012).

17 de febreiro de 2014 | 12:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.