Ribadumia retoma os talleres de animación á lectura na biblioteca municipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadumia
A-
A+

O Concello de Ribadumia abre o prazo de inscrición para participar nos talleres de animación á lectura que se van organizar na Biblioteca Municipal o abeiro do programa da Rede de Bibliotecas de Galicia Ler Conta Moito. As actividades estarán destinadas para nenos e nenas de 4 a 8 anos, que se organizarán en varios grupos segundo as súas idades. As persoas interesadas poden anotarse no Concello a biblioteca de Ribadumia ata o luns 3 de marzo ou ata completar as prazas dispoñibles.

Os obxectivos son espertar o pracer dos nenos e das nenas pola lectura; que coñezan os recursos que existen na biblioteca municipal; que tomen conciencia da importancia dos libros como fonte de entretemento e de información; espertar a imaxinación e a fantasía introducindo aos nenos noutros mundos reais ou fantásticos; e que aprendan a valorar, respectar e coidar o material da biblioteca.

Partindo da narración e interpretación de contos, desenvolveranse unha serie de actividades que xirarán en torno á temática tratada. Os talleres desenvolveranse os venres de 17:30 a 18:30.

Estes talleres de animación comezan o 7 marzo co lapis máxico de Teatro Buratini e continuarán tódolos venres ata o mes de maio. Esta actividade ven a completar a oferta de actividades extraescolares que o Concello de Ribadumia pon a disposición dos nenos e nenas do municipio.

21 de febreiro de 2014 | 18:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.