Ribadumia convoca subvencións a asociacións e entidades sen ánimo de lucro
O Concello de Ribadumia ven de publicar no Boletín Oficial da Provincia do 29 de xaneiro as bases das subvencións que outorga anualmente a asociacións e entidades sen ánimo de lucro que desenvolven accións na localidade. Deste xeito, ábrese o prazo para que as entidades interesadas poidan presentar a súa solicitude. O prazo remata o 30 de marzo.
As bases recoñecen unha tipoloxía de asociacións e de accións subvencionables moi ampla e ten en conta aspectos como a calidade e a innovación das actividades propostas e que teñan repercusión socioeconómica para o concello.
Para as entidades que desenvolvan actividades no eido da acción social. Subvencionanse as que fomenten a mellora da calidade de vida das persoas con máis necesidade, ou a integración da terceira idade e da mocidade na idiosincrasia municipal. Os criterios de concesión das axudas valora aquelas actividades que teñan como fin medidas para encamiñar e corrixir situacións de desigualdade; potenciar a participación das persoas que sufran algunha marxinación en todos os ámbitos da sociedade; ou que as actividades propostas estean encamiñadas á integración socio-laboral dos colectivos que representen.
Outras das accións subvencionables poderán ser no eido da cultura, do deporte, das actividades complementarias da educación, festas populares, comercio, promoción socioeconómica, mocidade e actividades sectoriais. Quedarán excluídas as actividades que se realicen de forma puntual no ano, xa que no caso de ser consideradas de interese polo concello, serán subvencionadas de forma puntual e non a través das bases.
No caso das actividades desenvoltas no eido da cultura, da educación, promoción socioeconómica, festas populares e comercio, entre outros criterios de concesión valorarase o grao de implicación económica das asociacións na actividade a desenvolver.
No caso das subvencións deportivas, inclúese un recoñecemento aos deportes minoritarios ou individuais que sobresaian de forma excepcional na súa faceta deportiva. Neste caso, será a comisión a encargada de valorar o posible patrocinio por parte do concello. Nas bases tamén se prima o apoio ao deporte base a través das Escolas Deportivas.
No que respecta á documentación a aportar polas asociacións, os requisitos son os xerais neste tipo de convocatorias como a copia da asemblea na que se designa a directiva da entidade beneficiaria e copia da acta de aprobación das contas da entidade correspondente ao exercicio anterior do ano en curso. Os beneficiarios, deberán cumprir os seguintes requisitos: carecer de fins de lucro; ter o seu domicilio social no Concello de Ribadumia e realizar actividades de interese municipal; estar inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións e Clubs; non ter pendente de xustificar ningunha subvención concedida polo Concello de Ribadumia e, por último, estar ao corrente das obrigas tributaria.











