Rey Varela recibe a visita institucional do embaixador de Francia

O embaixador francés asinando no libro da cidade
O Concello de Ferrol recibiu hoxe a visita institucional do embaixador de Francia en España, Jérôme Bonnafont. O alcalde da cidade, Jose Manuel Rey Varela, deu a benvida ao diplomático na escalinata do Pazo Municipal, para logo manter un breve encontro de traballo no despacho do rexedor ferrolán. Coa sinatura no Libro de Ouro da Cidade, no que o diplomático francés deixaba por escrito os seus desexos de perpetuar os lazos de amizade entre os dous países, e o tradicional intercambio de agasallos, se daba por rematado o seu paso polo Pazo municipal. Nesta visita institucional estiveron presentes, ademais dos tenentes de Alcaldía, Alejandro Langtry Caínzos, Rosa Martinez Beceiro e Susana Martínez Galdós, as voceiras do goberno e do Grupo municipal do PSOE, Martina Aneiros Barros e Natividad González Laso, respectivamente.
O rexedor ferrolán subliñou a importancia da visita de Jérôme Bonnafont “para seguir estreitando lazos entre España e Francia”. Neste senso, Rey Varela explicou que durante toda a xornada de hoxe o diplomático coñecerá in situ as instalacións dos estaleiros de Navantia así como as diferentes actividades que a Armada Española realiza en Ferrol. E, ao fío, o primeiro edil da cidade explicaba que Bonnafont visita Ferrol con motivo da chegada da fragata francesa “Aquitania” , que permanecerá uns días fondeada no Arsenal Militar.
Pola súa banda, Bonnafont manifestou que a visita do buque francés “celebra os lazos entre Francia e España, que son tan importantes e que se reforzan ano tras ano”. Nesta liña, o diplomático francés destacou as importantes actividades navais que se realizan en Ferrol e sinalou que “é unha boa ocasión para reforzar os nosos vínculos económicos, comerciais e de negocio xeral.











